Monforte, cidade histórica

Rosana Prieto Florines

MONFORTE DE LEMOS

25 ene 2020 . Actualizado a las 18:41 h.

Comezaremos a vindeira semana rememorando a 135 efeméride da concesión do título de cidade a Monforte por parte de Alfonso XII. Naquela altura ser cidade era unha vontade real, hoxe é unha lembranza histórica e provoca as máis variadas conversas e debates. Xa que logo, non existe na actualidade acordo unánime do que é, ou non é unha cidade. Se ben Monforte non concentra un gran número de habitantes, nin elevadas cifras de negocio en sectores como o industrial ou o comercial, si é un centro urbano onde nos servimos a maioría das persoas que vivimos no partido xudicial do que é capital. Poderíamos daquela, entrar nese concepto de cidade de área metropolitana que suma as poboacións urbanas e rurais da bisbarra, e que constitúe unha das máis actuais definicións de cidade.

Por tanto, existen as bases para crear unha cidade do século XXI que non viva da súa historia e si da súa industria? Si. Logo, que impide que Monforte medre e se consagre como a «gran cidade» do sur de Lugo? A falta de xente. A pirámide de idade monfortina convídanos a tomar medidas, avisa dende hai décadas de que isto vai a menos. Monforte é hoxe a capital da demografía decrecente, e isto débese á falta de oportunidades que é a primeira causa mundial de migracións. Alén da fermosura dos lugares, a xente ten que poder comer, porque é unha obriga do vivir.

Na Ribeira Sacra non podemos continuar inmóbiles ante a desaparición que nos debuxan as tendencias demográficas, nin podemos crer que cun anuncio dunha lei de ámbito autonómico en ano electoral, vanse xerar en Monforte ou arredores postos de traballo necesarios para asegurarmos máis e novas xeracións.

E aquí chega o enfado contra o oportunismo político e as bombas de palenque ás que o PP de Galicia nos ten afeitas. Da serie da lexislatura do rural e impostos cero, vén a primeira lei autonómica contra o despoboamento que aínda non se sabe exactamente como vai ir, pero xa foi anunciada. O calendario electoral oprime.

Alguén entende que na Ribeira Sacra se leven ciscado millóns de euros e que estes non contribuísen atraer nin fixar poboación? Esta nova lei, unilateral, da vella política que nos trouxo a onde estamos, vai axudar a diversificar os sectores produtivos, xerar novos postos de traballo, atraer capital privado para a xeración de riqueza, ou vai ser máis do mesmo? Aumentará a densidade de poboación?

Señorías que mandan, Lemos tamén ten que ser parte dun vello país con novas oportunidades, e para iso hai que apostar pola diversificación nos sectores agrogandeiros, poñer a funcionar as plataformas loxísticas (porto seco), renovar a rede viaria (terceiromundista), manter os servizos públicos e de calidade (servizos básicos, educación e sanidade) e xerar vida sociocultural, e isto si que o poden lograr con partidas económicas concretas. Pero lonxe de o facer, seguen repetindo erros e malgastando cartos públicos. E para mostra un botón:

Esta semana a imaxe foi a da nosa representación en Fitur, amosa unha realidade dura: a media de idade da representación política da Ribeira Sacra. Cren que esta imaxe atraerá xente nova e que fomentará o turismo experiencial? É esa a imaxe da dinamización turística? O marketing faltou e fallou para amosar a Ribeira Sacra como xeodestino turístico de futuro. Filtrouse a realidade, e esta decotío é máis dura cá ficción.

Tomemos pois este exemplo para ir mudando a imaxe, e adoptar políticas reais e de calidade para estes lugares que non importamos porque aquí non faltan accións, senón a calidade no deseño e na implantación destas. Non vale a improvisación e a falta de aplicación que propón a Xunta de Feijoo no 2020, non vale a utilización dos fondos europeos de desenvolvemento rural para multiplicar subvencións ás entidades públicas e privadas que non teñan unha continuidade temporal e xeracional.

O reto é agora poñérmonos de acordo en que isto, xunto coa calidade de vida das que xa estamos, son as prioridades dunha bisbarra e da súa capital, que ten que atopar no acordo as bases para o futuro, e que viva no presente e non na historia, para executar políticas de calado que devolvan o dinamismo socioeconómico á cidade do Cabe e á súa contorna.