Os protagonistas deste verán

Fernando Pariente

MONFORTE DE LEMOS

O incendio de Porto do Son foi un dos peores deste verán en Galicia
O incendio de Porto do Son foi un dos peores deste verán en Galicia MARCOS CREO

Un repaso á actualidade máis recente do recollido nos últimos tres meses polos medios de comunicación

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada novo curso, tócanos volver empezar. Retomamos as rutinas da vida escolar, atopámonos cos compañeiros e amigos de sempre, os profesores, os que nos caen simpáticos e os que non tanto. Pasaron máis de tres meses desde que o curso se terminou. É unha paréntese longa na que o mundo seguiu rodando. Atopámonos cunha sociedade diferente na que ocorreron cousas inesperadas e xurdiron novos protagonistas, acontecementos e personaxes novos. Por iso un bo exercicio para comezar o novo curso con tranquilidade e sen sobresaltos será tomar o pulso á actualidade e facer un repaso do que ocorreu neste movido e intenso verán.

POLÍTICA NACIONAL

Empezaremos pola política nacional que invadiu todos os espazos informativos.

 

1. As longas negociacións que non chegaron a ningunha parte. O obxectivo era conseguir a investidura dun novo presidente de Goberno e a constitución dun Executivo estable que collese o temón da nación e a guiase con man firme. Non chegaron a ningún acordo e quedámonos sen presidente e sen Goberno definitivo, e obrigados a novas eleccións lexislativas para o vindeiro 10 de novembro.

 

 

2. Mentres, fóronse constituíndo os concellos, os Parlamentos e os Gobernos das comunidades autónomas. Aínda que tamén se enfrontaron ás súas dificultades e as negociacións para chegar a acordos e establecer pactos de goberno estendéronse bastante tempo, o proceso puido pecharse antes de que terminase o verán e as Administracións municipais e autonómicas están xa funcionando ao seu ritmo normal.

 

 

3. Seguimos protagonizando no Mediterráneo accións humanitarias en defensa dos migrantes desesperados e en risco de morrer afogados. As oenegués fixeron fronte á política italiana de negar refuxio nos seus portos aos barcos cargados de náufragos recolleitos no mar.

 

 

4. Igual que o ano pasado, unha circunstancia especial achegou momentos de humanidade e tenrura que adozaron os rigores da confrontación política. Os dirixentes de Podemos Pablo Iglesias e Irene Montero foron o 2 de agosto pais de novo, esta vez dunha nena, Aitana, nova irmanciña dos dous xemelgos, Leo e Manuel, que naceron tres meses antes de terminar o período de xestación o verán pasado.

 

 

O «BREXIT»

O brexit segue axitando as augas do Reino Unido de Gran Bretaña. O debate sobre o brexit, no que Teresa May sufriu sucesivas derrotas parlamentarias, levouna a unha situación insostible e obrigouna a presentar a súa dimisión. Os tories elixiron para substituíla a Boris Johnson a finais de xullo. O novo primer ministro británico é un populista disposto a impor a súa vontade por encima de todo e propúxose saír de Europa antes do 31 de outubro, haxa acordo ou non o haxa. O horizonte preséntase cada vez máis negro. Johnson pechou temporalmente o Parlamento para evitar a súa oposición, aínda que Tribunal Supremo ordenou que volva funcionar.

 

 

 

 

EUROPA

1. Os inmigrantes seguen sendo un problema que se agrava coa chegada do verán. As mafias dos países do norte de África lanzan á auga embarcacións moi precarias sobrecargadas de persoas con graves riscos de que estas travesías terminen en traxedias con náufragos afogados ou rescatados in extremis por embarcacións de oenegués. Os países ribeiregos do Mediterráneo non poden acoller este fluxo incontrolado de persoas e o resto dos países da Unión Europea non se pon de acordo para establecer cotas eficaces de acollida.

 

 

2. O Goberno populista italiano, tan pouco amigo de Europa, saltou polo aire presionado polas actitudes do líder da Liga e ministro de Interior, Matteo Salvini. Era un Goberno sostido por un pacto entre tres partidos: o Movemento 5 Estrelas, o Partido Demócrata de Giusseppe Conte e a Liga Norte de Matteo Salvini. Conte disolveuno por mor das maquinacións de Salvini e volveu formar novo Goberno, do que esta vez excluíu á Liga. Salvini pasou á oposición.

 

 

DESASTRES NATURAIS

1. O clima volveuse tolo en setembro. Despois dun verán no que se sucedían días de sol no Mediterráneo e nubrados no norte e o Cantábrico, chegou setembro con sorpresas. Sobre os ceos de España estacionáronse as consecuencias dun ciclón tropical, o Dorian, que se formou no Caribe. Así se orixinou un fenómeno climatolóxico denominado DANA ou pinga fría, que lle chamaban antes. Esta perturbación atmosférica é da máxima gravidade e produce precipitacións e tormentas de inusitada virulencia. A choiva torrencial caída sobre a maior parte de España durante dez días do mes de setembro causou inundacións e riadas en moitas provincias, con especial gravidade nas comunidades autónomas de Murcia, Valencia e Andalucía. Houbo sete mortos.

 

 

2. A Amazonia en chamas. Os incendios arrasaron durante todo o verán as selvas amazónicas. O pulmón verde da Terra está en perigo. O Goberno brasileiro parece non ter conciencia clara das consecuencias que pode ter para a saúde ambiental do planeta.

 

 

3. Tamén ardeu Galicia. O lume volveu tamén a Galicia, que sufriu media ducia de graves incendios forestais, os principais en Porto do Son, Fisterra, Monforte, A Gudiña...

 

 

4. A calor fixo estragos. Este foi o verán máis caloroso dos últimos 150 anos. En moitas cidades de España acadáronse temperaturas de marca e en países europeos do norte como Noruega ou Suecia chegouse aos 40 graos.

 

 

DEPORTES

1. O baloncesto, na cima. A selección española de baloncesto conquistou na China o Campionato do Mundo e trouxo a España a medalla de ouro.

 

 

2. Sangue novo no Tour. Egan Bernal, un mozo ciclista colombiano, gañou inesperadamente o Tour de Francia. É o primeiro ciclista latinoamericano que o consegue e é, ademais, o máis novo que sobe ao podio dos Campos Elíseos desde hai 110 anos. Ten 22.

actividades

1. Recóllense nesta páxina algúns dos acontecementos que ocorreron este verán. É unha selección subxectiva, feita a criterio dos xuízos persoais do autor. Pode analizarse se están ben escollidos, ou se, pola contra, con outros criterios poderíase ter elixido outros. Organizade os vosos alumnos para que eles elixan o seu propio elenco dos principais acontecementos do verán.

2. Os acontecementos están seleccionados seguindo un criterio xeral a partir das noticias vistas ou lidas nos medios de comunicación. Podería intentarse pechar o foco sobre a propia contorna local, por exemplo. Cales foron as noticias máis interesantes nas comunidades máis próximas? Ponde a traballar os vosos alumnos nese obxectivo a ver que atopan.