«Os condes de Lemos representan á aristocracia diplomática galega»

Gago escolleu varias obras artísticas vinculadas a Monforte para unha exposición histórica do Xacobeo 2021

Manuel Gago na escalinata do Museo do Pobo Galego, en Santiago
Manuel Gago na escalinata do Museo do Pobo Galego, en Santiago

MONFORTE / LA VOZ

O escritor e profesor universitario Manuel Gago é o comisario de «Galicia, un relato no mundo», a primeira das tres grandes exposicións históricas que se organizarán en Santiago con motivo do Xacobeo 2021. Entre o próximo 8 de novembro e o 12 de abril do 2020 poderán verse nesta mostra varias pinturas que se conservan no Colexio da Compañía de Monforte e no Museo del Prado, todas elas relacionadas coa antiga estirpe dos condes de Lemos.

-Por que se escolleron estas pinturas para que formen parte da exposición?

-O obxectivo é mostrar as relacións entre Galicia e o resto do mundo desde a prehistoria ata os nosos días. Como é un período amplísimo, seleccionáronse algunhas pezas que consideramos como especialmente representativas de cada período histórico. Neste caso, a antiga familia dos condes de Lemos representa moi ben a participación da grande aristocracia galega nos proxectos imperiais da monarquía hispánica entre os séculos XVI e XVII, porque tiveron un papel moi destacado como diplomáticos e como gobernantes dos dominios españois. Eran ademais grandes coleccionistas de arte, e iso permítenos establecer un paralelismo cos membros doutras aristocracias europeas da mesma época histórica que se distinguiron tamén como diplomáticos e coleccionistas de arte.

-Que relación hai entre as obras e estes personaxes?

-As obras conservadas en Monforte proceden da colección privada do cardeal Rodrigo de Castro, que pertencía á familia dos condes de Lemos e desempeñou diversas tarefas diplomáticas. Unha delas, A Adoración dos Reis, de Hugo van der Goes, é unha copia, pero o orixinal estivo en poder do cardeal. Outras son de Andrea del Sarto e Giovanni Bernardino Azzolino. Os cadros do Museo del Prado son de Pieter Brueghel o Novo e Luca Cambiaso, tamén coñecido por Luqueto. Con estas dúas obras queremos representar a colección artística do sétimo conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, que foi vicerrei de Nápoles. Non sabemos con certeza se estes cadros pertenceron ao conde, pero si sabemos que na súa colección había obras destes dous artistas e de temáticas similares. En ambos os casos temos obras de artistas flamengos e italianos, é dicir, de dous territorios que nesa época formaban parte do Imperio español e onde a familia dos condes de Lemos exerceu a súa influencia. Tamén é interesante o contraste entre as obras vinculadas ao cardeal, que son de temática relixiosa, e as do conde, que son de carácter profano.

-As pinturas de Monforte serán substituídas por réplicas mentres dure a exposición?

-No caso da Adoración dos Reis si que se instalará unha réplica, porque ocupa un lugar moi destacado na igrexa do Colexio da Compañía. Coas outras dúas pinturas non se fará o mesmo, porque son de menor tamaño e están na pinacoteca, onde a súa ausencia non se notará tanto.

-Que outros personaxes galegos desa época estarán representados na mostra?

-Tamén se exhibirán pezas relacionadas con Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, que foi embaixador da coroa española en Inglaterra e un gran coleccionista de libros. Esta figura complementará en certo modo ás dos condes de Lemos. Gondomar está vinculado co mundo inglés e os Lemos co mundo italiano, dous ámbitos cos que o Imperio español tivo unhas relacións moi importantes durante ese período histórico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Os condes de Lemos representan á aristocracia diplomática galega»