Faleceu Jesús Rodríguez Sampayo, antigo compoñente do grupo de gaitas Os Silvas

MONFORTE DE LEMOS

Os irmáns Jesús e Arturo Rodríguez Sampayo (á dereita) nunha imaxe de arquivo. Jesús é o máis alto. Arturo faleceu o pasado xaneiro
Os irmáns Jesús e Arturo Rodríguez Sampayo (á dereita) nunha imaxe de arquivo. Jesús é o máis alto. Arturo faleceu o pasado xaneiro CEDIDA

Era natural de Chantada e veciño de Monforte desde 1958, como o seu irmán Arturo, membro da mesma formación, que morreu o pasado xaneiro

03 sep 2019 . Actualizado a las 16:50 h.

O luns recibiu sepultura no cemiterio municipal de Monforte Jesús Rodríguez Sampayo, antigo compoñente do histórico grupo de gaitas Os Silvas, que faleceu nesta cidade o pasado sábado aos 99 anos de idade. O seu funeral oficiouse na igrexa da parroquia de San Antonio. Viúvo de Hortensia Fernández Regal, deixa dous fillos, seis netos e e cinco bisnetos. O seu irmán Arturo, que tamén foi membro desta formación musical, morreu o pasado xaneiro con 92 anos.

Os dous irmáns eran naturais da parroquia de Vilaúxe, no municipio de Chantada, e fillos de Avelino Rodríguez Fernández, un gaiteiro desta localidade. A primeira formación do grupo Os Silvas foi creada en Vilaúxe na década de 1930. Jesús tocaba entón a gaita e Arturo a caixa. Con eles actuaban os irmáns José e Basilio González, intérpretes de gaita e bombo, respectivamente. Máis adiante, Jesús combinou a gaita e o clarinete, que acabaría sendo o seu instrumento principal. Aquela primitiva formación deixou de existir en 1951, cando os irmáns Rodríguez Sampayo se mudaron a Monforte. En 1958 Jesús e Arturo crearon un novo grupo ?que levou o mesmo nome?xunto con outros dous irmáns, Alberto e Antonio Sánchez, naturais da localidade quiroguesa de San Pedro de Lor. A formación mantívose en activo durante varias décadas e gozou dunha ampla popularidade no sur lucense e noutras partes de Galicia, actuando en numerosas festas.

A principios deste século, Os Silvas distinguíronse por ser un dos escasísimos cuartetos de música tradicional ?compostos de gaita, tambor, bombo e clarinete? que quedaban en Galicia. Nesa época tamén formaron parte do grupo o gaiteiro Claudio Pombo Pérez, da Pobra de Brollón, e un monfortino chamado Ovidio, que tocaba o bombo.

A importancia histórica desta formación ten sido resaltada por investigadores da música tradicional como Pablo Carpintero, quen sinala que o grupo contaba cun importante repertorio que comprendía pezas de numerosos xéneros ?como muiñeiras, xotas, pasodobres, valses e carballesas?, algunhas delas moi antigas. Como a maioría dos gaiteiros tradicionais, Jesús Rodríguez Sampayo elaboraba coas súas propias mans as pezas que compoñen este instrumento, como os pallóns, as palletas e os foles de pelica.