«O que espero é sacar maioría absoluta, hai que ser ambiciosos»


monforte / la voz

Ao Partido Popular custoulle traballo atopar un candidato á alcaldía de Monforte para estas eleccións municipais. Ata novembro parecía que podía ser Julia Rodríguez, entre novembro e decembro soaba Roberto Eireos, e en xaneiro deron co que parecía o definitivo, Miguel González Lemos. Pero en abril renunciou e a Katy Varela (Monforte, 1981), que ía ser a súa segunda, tocoulle decidir se aceptaba o encargo de encabezar a lista sen experiencia previa e cos ánimos da militancia en mínimos. As condicións máis difíciles que un poida imaxinar. E foi e aceptou.

-Vaia compromiso lle caeu enriba, non?

-Son unha muller comprometida, así que non teño problema con iso.

-Imaxino que lle terían que insistir moito.

-Non crea. Desde o momento en que aceptei traballar con Miguel Lemos adquirín un compromiso e púxenme a disposición do partido.

-Seu pai, Antonio Varela, foi deputado e vicepresidente do Parlamento de Galicia nos anos oitenta. Animouna a dar este paso ou todo o contrario?

-Meu pai leva anos animándome a dar este paso. Gústalle moito a política, a política de estar coa xente, de traballar pola xente. E gústalle que unha das súas fillas siga os seus pasos.

-Así que finalmente fíxolle caso e con 37 anos meteuse por fin en política.

-A min gústame a política como lle gusta a el. E de nova, cando estudaba na Universidade da Coruña, era militante das Novas Xeracións e estiven nunha asociación de estudantes. Despois cos anos deixei aquilo un pouco de lado e centreime na miña carreira profesional. Pero vaia, que sempre me gustou. Ademais, non me gusta como está Monforte e a maneira de cambiar iso, de facer cousas, é entrar en política de forma activa.

-Séntese apoiada por todo o partido?

-Si.

-Con que resultado se daría por satisfeita?

-Daríame por satisfeita cunha maioría absoluta de nove concelleiros [a corporación de Monforte ten dezasete]. Esa é a mentalidade coa que estamos traballando.

-Un obxectivo moi ambicioso vistos os problemas internos cos que chegan a estas eleccións.

-É que nesta vida hai que ser ambiciosos. Somos una candidatura que fixo fronte a unha crise e que saíu desa crise. E faremos cousas boas por Monforte.

-O candidato socialista dicía o outro día no seu mitin que non lle importa que lle chamen «o rei do asfalto». Que lle parece?

-Asfaltar é importante, pero hai que facer máis cousas. Monforte precisa moita máis acción por parte do Concello.

-Como que?

-Medidas de fomento do emprego, de reactivación económica, de captación de empresas, de rehabilitación do casco histórico....

-Que é o peor destes catro anos de xestión de José Tomé na alcaldía?

-Percibo decadencia económica e falta de acción para revertela.

-Ten medo a perder voto a favor de Ciudadanos?

-Penso que iso vai pasar menos nas municipais que nas xerais. Polos contrincantes non sinto medo, sinto respecto.

-Así que non ve a Tomé con maioría absoluta.

-Non é a sensación que teño, non. E menos despois do que lle levo oído á xente durante a campaña.

«Presentarme á presidencia local? A día de hoxe dígolle que si»

Saian como saian os resultados electorais deste domingo, o Partido Popular monfortino ten por diante o traballo de recompoñer a súa estrutura interna, porque desde abril está sen executiva e a xestora nomeada naquel momento non está operativa desde a renuncia do seu presidente, o anterior candidato. A necesidade de preparar a campaña electoral obrigou a aparcar ese problema, pero todos no partido saben que terán que afrontalo sen demasiada demora.

-E despois das eleccións, que?

-Traballar duro. Se gobernamos teremos que facer unha análise completa da situación do Concello para adoptar medidas urxentes en materia de emprego e promoción económica. E se non saímos traballaremos para o mesmo, pero desde a oposición.

-Hai que organizar un congreso local. Vaise presentar á presidencia?

-A día de hoxe dígolle que si.

-Dependerá do que pase o domingo?

-Claro. Para ter claro iso hai que agardar a ver que pasa nas eleccións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«O que espero é sacar maioría absoluta, hai que ser ambiciosos»