«Os partidos tradicionais están cada vez máis caducos»

f. albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Manuel López Martínez, antigo concelleiro de Esquerda Galega, forma parte agora da candidatura de Esperta Monforte

15 may 2019 . Actualizado a las 19:30 h.

Manuel López Martínez foi concelleiro por Esquerda Galega na corporación monfortina despois de ser elixido nos comicios de 1991. Na actualidade ocupa o posto catorce na lista de Esperta Monforte.

-Ve similitudes entre o seu antigo partido e o actual?

-Esquerda Galega era unha formación bastante aberta, pero era un partido tradicional, e penso que eses partidos están cada vez máis caducos. Creo que hai que estar máis cerca dos veciños con organizacións máis abertas. Non son o único candidato que estivo antes en Esquerda Galega. Tamén está meu antigo compañeiro Serafín López, que me substituíu como concelleiro cando deixei a corporación despois de dous anos e medio. Dentro e fóra da lista temos oito ou nove persoas que tamén estiveron en Esquerda Galega.

-Que diferenzas ve entre a situación actual no Concello e a de principios dos 90?

-Unha diferenza importante que vexo é o autoritarismo que caracterizou este último mandato. A pesar de estar en minoría, o goberno local desprezou e infravalorou á oposición, e apropiouse de moitas mocións dos outros grupos despois de rexeitalas no pleno.

-E como ve a situación actual do municipio?

-Paréceme que Monforte leva camiño de converterse nunha cidade de xubilados. Excepto nas festas, no asfalto e no alumeado público, no demais non se avanzou nada nos últimos anos. No polígono industrial non se instalaron novas empresas, o porto seco está máis seco que nunca, non se creou emprego... As infraestruturas deportivas están en moi mal estado e non contamos cunha pista de atletismo na que poida haber competicións federadas. E algo que me parece gravísimo é a negativa a peonalizar a ponte vella.