Un bosque diverso para os vixilantes dos incendios

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Estudantes do colexio Torre de Lemos plantan árbores no monte Marroxo

28 mar 2019 . Actualizado a las 16:22 h.

O colexio da fundación Torre de Lemos, en Monforte, participa activamente dende hai moitos cursos no programa Voz Natura. O proxecto que desenvolve este ano dálle continuidade á iniciativas como a do horto que atenden os propios alumnos dentro do recinto do centro, pero ademais engade outras propostas. Como a que leva a cabo o colexio en colaboración co distrito forestal Terras de Lemos, dependente da Consellería de Medio Rural, e que onte se concretou na plantación de ducias de árbores autóctonas no cimo do monte Marroxo, a carón da base de vixilancia contraincendios máis próxima a Monforte.

Nesta actividade participaron alumnos de sexto de Primaria e de diferentes cursos de ESO, todos eles colaboradores habituais no coidado do horto do colexio. Acompañados por varios profesores, desprazáronse a primeira hora da mañá en autobús ás oficinas do distrito forestal, que se encontran na estrada de Gullade, xunto á escola de capacitación agraria. Alí recibiunos Javier Quintana, técnico do distrito forestal, que lles fixo de guía polas instalacións desde as que se dirixe a loita contra os incendios forestais neste distrito, que abrangue as comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga.

Despois desa visita tocaba plantar as árbores, así que o grupo volveu subir ao autobús para seguir pola estrada de Gullade ata o monte Marroxo. En canto chegaron viron como despegaba o helicóptero coa brigada de bombeiros forestais que ten a súa base alí, que tivo que voar cara o municipio coruñés de Dodro para participar na extinción dun incendio forestal.

As árbores que plantaron son castiñeiros, freixos e cerdeiras, e son as primeiras dun futuro bosque que ocupará os arredores da base contraincendios, antes ocupada por un piñeiral de repoboación que foi cortado para que non obstaculizase o voo do helicóptero e a visibilidade desde a torre de vixilancia que está xunto ao heliporto. Será un bosque autóctono e diverso. Irá medrando nos próximos anos coas sementes que desde onte están ao coidado dos alumnos no seu colexio.

Voz Natura é un programa desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces, e co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica.