«Non poderíamos facer o noso queixo dentro dunha denominación»

Mazaira falará o mes próximo na Pobra do Brollón sobre a exitosa experiencia da súa firma


monforte / la voz

Jesús Mazaira é un dos tres cofundadores -xunto con Ricardo Gómez e Ana Rodríguez- da empresa queixeira chantadina Airas Moniz, que desde a súa creación leva colleitado numerosos premios e distincións. O 4 de abril falará desta experiencia empresarial dentro das charlas programas no ciclo de cine da Pobra do Brollón, como exemplo de iniciativa exitosa no ámbito rural.

-Como surxiu a idea de dedicarse a fabricación de queixo?

-O meu socio Ricardo Gómez dedicábase á produción de leite e eu tiña a idea de darlle algún valor engadido a ese produto para superar os problemas do sector lácteo. Son un fanático do queixo e propúxenlle dedicarnos a producilo. Ao principio non o conseguín convencer, pero un día díxome que nos podíamos animar. Foi un proceso complicado pero ao final conseguímolo

-Que foi o máis difícil?

-O que máis custou foi reconverter a cabana gandeira do meu socio, que tiña unhas 120 vacas de raza frisona. Houbo que cambialas por outras da raza Jersey, que é moito máis apropiada para producir queixos como os que pretendíamos elaborar. Comezamos por comprar catro animais en Dinamarca e vendo se se podían adaptar aquí. Tamén houbo que recuperar as terras, que estaban dedicadas en boa parte a producir millo, e preparalas para a gandería extensiva. Todo o proceso levounos seis anos. E tamén tivemos que adquirir moitos coñecementos sobre a elaboración de queixos e facer moitas probas e experimentos ata dar co produto que buscábamos.

-Foron procurar modelos noutros lugares?

-Si, fixámonos moitos nos queixos de alta calidade que se producen en Francia, Suíza, Alemaña... Para orientarnos foinos de moita axuda coñecer en Monforte a uns socios da cooperativa que produce en Castro Caldelas o queixo Touza Vella. Grazas a eles coñecimos ao mestre queixeiro José Luis Martínez, que nos deu consellos moi útiles e que nos axudou a buscar modelos. O que queríamos facer era un produto diferenciado e para iso creo que foi moi importante abordar este proxecto cunha mentalidade aberta e sen ter nada preconcebido.

-Traballan dentro da denominación de orixe Arzúa-Ulloa?

-Estamos á marxe da denominación porque para contar con ese selo, como sucede en todas as denominacións de orixe, teríamos que suxeitarnos a unhas normas e producir uns queixos de características moi similares aos que producen outras empresas. Iso suporía un corsé, no sentido de que non nos deixaría experimentar e facer cousas diferentes, que é precisamente que o que queríamos facer nós. Non é que teñamos nada en contra da denominación, porque dentro dela hai produtores que fan uns queixos boísimos axustándose a esas normas. Simplemente, nós queremos facer cousas distintas.

-Que é o que máis distingue os seus queixos doutros que se producen en Galicia?

-Basicamente é a raza de vaca que usamos e o tipo de leite que produce, moi denso e graxo e con moita proteína. As técnicas que empregamos son tamén diferentes. Por exemplo, ao contrario doutros queixeiros, maduramos os queixos en cavas e queremos que lles saian mofos.

«No noso medio rural pódense facer moitas cousas sen necesitar moitos investimentos»

Os produtores dos queixos Airas Moniz están actualmente realizando obras de ampliación nas súas instalacións co obxectivo de incrementar a súa produción.

-O que producen agora non chega para cubrira a demanda?

-Non nos chega nin sequera para atender toda a demanda que temos no mercado español. Tamén vendemos moito no Reino Unido e fixemos algunha pequena experiencia de exportación á República Checa e Alemaña. Poderíamos exportar máis, pero para iso necesitamos aumentar a nosa produción.

-A súa experiencia pode ser de utilidade para outros?

-Pensamos que si, e nun territorio como a Ribeira Sacra hai moitas posibilidades. Poñer en marcha o noso proxecto requeriu un gasto importante polas circunstancias en que estabamos, pero tamén é posible facer moitas cousas rendibles sen necesitar moitos investimentos. Por exemplo, investindo uns 140.000 euros sería posible poñer a andar unha empresa de elaboración de manteiga, que é algo que ten unha demanda moi grande. No noso medio rural hai moitas cousas que se poden facer e non só nos terreos dos produtos lácteos ou do viño, senón tamén en campos como as froiteiras, o mel... É unha pena que o noso sector agrario estea nas condicións en que está, cando vemos que noutros países hai cousas que funcionan moi ben, que crean riqueza e emprego e que permiten ter unha boa calidade de vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Non poderíamos facer o noso queixo dentro dunha denominación»