Unha marcha pola igualdade abrirá en Monforte os actos do día internacional da muller

As actividades programadas polo Concello comezarán a desenvolverse o día 8


Unha marcha pola igualdade abrirá o día 8 os actos organizados polo Concello de Monforte con motivo do día internacional da muller. Na marcha, que comezará ás 12.30 horas na praza da Compañía e discorrerá ata a casa consistorial, participarán representantes municipais e de diversos colectivos, así como todos os veciños que queiran sumarse á iniciativa.

Os actos continuarán o día 11 coa presentación dun audiovisual e unha publicación sobre Genoveva González Prieto, unha mestra de Bóveda represaliada pola ditadura franquista que traballou no seu municipio natal, en Monforte e na Pobra do Brollón. A actividade desenvolverase de 11.30 a 13.00 horas no centro cívico do paseo do Malecón e comprenderá un reparto de exemplares desta publicación entre os alumnos de primaria dos centros educativos locais. Genoveva González foi homenaxeada en Monforte no 2014 pola Federación de Traballadores do Ensino de UGT e o ano pasado dedicouselle o certame de divulgación histórica Mulleres de Lemos, organizado polo colectivo Lemos Le.

Por outro lado, a Casa de Cultura acollerá o día 13 ?ás 20.00 horas? unha conferencia sobre «Mulleres e saúde cardiovascular» a cargo de Reyes Pérez Fernández, profesora da escola de enfermería de Ourense. Ao día seguinte, o Concello presentará o seu terceiro plan de igualdade de oportunidades nun acto que se celebrará no salón de plenos da casa consistorial a partir das 12.30 horas. No programa foi tamén incluída a representación da obra teatral 30 e tantos ósos, do grupo Aporía Escénica, que se ofrecerá o día 14 ?ás 20.00? no auditorio do edificio multiusos.

Por outro lado, o día 15 darase continuidade no instituto A Pinguela a uns obradoiros de autodefensa feminina e novas masculinidades que comezaron a impartirse o 26 de febreiro nos institutos Río Cabe e Daviña Rey.

A programación complétase cunha actividade de educación emocional con cabalos dirixido a un grupo pechado de usuarias do centro de información á muller que se desenvolverá entre o día 5 deste mes e o 25 de xuño na finca El Carmen.

Na imaxe sobre estas liñas, unha concentración celebrada o 8 de marzo do ano pasado ante a casa consistorial de Monforte con motivo do día internacional da muller.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha marcha pola igualdade abrirá en Monforte os actos do día internacional da muller