Amancio Prada cantará ao Camiño de Inverno en Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

BASILIO BELLO

O cantautor ofrecerá un concerto o sábado na igrexa do Colexio da Compañía

26 abr 2019 . Actualizado a las 13:02 h.

O célebre cantautor berciano Amancio Prada ofrecerá o 27 de abril un concerto na igrexa do Colexio da Compañía de Monforte dentro dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario da fundación da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. O recital, baixo do título de «Cantigas do Camiño de Inverno», comprenderá varios temas compostos por Prada sobre textos do trovador medieval chantadino Xoán de Requeixo, do escritor berciano Enrique Gil y Carrasco e de Federico García Lorca. O concerto comezará ás 21.00 horas e o prezo será de cinco euros por persoa. Non haberá venda anticipada e as entradas poderán adquirirse tres cuartos de hora antes do inicio da actuación ata que se complete o aforo, que consta de catrocentas prazas.

Para o mesmo día do concerto de Amancio Prada está prevista a inauguración dunha placa conmemorativa, a presentación dunha nova edición da guía do Camiño de Inverno publicada hai tempo por Aida Menéndez e pola apertura dunha exposición de carteis e folletos editados polo colectivo durante as súas dúas décadas de actividade. O concerto será organizado co apoio da fundación do Colexio da Compañía, da Sociedade de Xestión do Xacobeo e dunha empresa privada.