Volve a Monforte o certame teatral para centros de ensino

MONFORTE DE LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

As representacións ofreceranse na Casa de Cultura do 24 de abril ao 9 de maio

14 feb 2019 . Actualizado a las 10:54 h.

O Concello de Monforte convocou a edición número vinte e oito do certame municipal de teatro para centros de ensino, que se celebrará entre o 24 de abril e o 9 de maio. Cada un dos centros poderá presentar unha soa obra. Tamén poderán participar como convidados outros colectivos locais despois de presentar unha solicitude e de recibir a aceptación da concellería de Cultura.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello desde o momento en que sexan publicadas as bases na web municipal. As obras deberán ser estreadas no certame e terán unha duración mínima de media hora. As representacións ofreceranse no auditorio da Casa de Cultura en horario de 20.00 horas. As datas das postas en escena das obras serán determinadas nunha reunión que os responsables municipais manterán o 1 de abril -ás 12.00 horas- cos representantes dos centros educativos.

O Concello colaborará cos centros achegando material para a realización das obras por un importe máximo de cen euros. Os premios consistirán na gravación en deuvedé das obras representadas, que se entregarán aos centros xunto cun diploma acreditativo para cada un dos participantes. A entrega dos premios terá lugar na Casa de Cultura o 13 de maio, ás seis da tarde.

Na imaxe sobre estas liñas, alumnos do colexio A Gándara representan Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño, nunha edición anterior do certame.