O Xoves de Compadres abre a semana próxima o entroido no sur lucense

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTÉS

En Monforte celebrarase a tradicional concentración e queima de bonecos na praza de España

14 feb 2019 . Actualizado a las 09:46 h.

As celebracións do entroido comezarán a semana próxima no sur lucense co Xoves de Compadres en diversos municipios da comarca de Lemos. En Monforte, o Concello convoca unha nova edición do tradicional concurso de compadres. Como é habitual, as bases establecen tres convocatorias: unha para as parroquias, barrios e rúas, outra para os centros de ensino e outra de carácter individual. Hai unha categoría colectiva -con premios de 95, 65 e 30 euros- e outra individual -con premios de 65, 35 e 18 euros-, mentres que os premios de etnografía e crítica social estarán dotados cada un con cen euros. Ás 17.30 horas comezará na praza de España unha concentración na que se darán a coñecer aos gañadores antes de levar a cabo a queima dos compadres (na imaxe sobre estas liñas).

Por outro lado, a próxima fin de semana iniciarase en Chantada o ciclo festivo do Entroido Ribeirao, que contará coa presenza de representantes doutros catro carnavais tradicionais galegos: o Oso de Salcedo, os fulións rurais de Viana do Bolo, os troiteiros de Bande e os peliqueiros e parranfóns de Campobecerros, no municipio ourensán de Castrelo do Val. Os personaxes típicos destes festexos tomarán parte nun pasarrúas que se celebrará en Chantada o día 17 -Domingo Lambedoiro- a partir das doce do mediodía. Posteriormente, ás 16.00 horas, comezará a celebración na parroquia de Santiago de Arriba, onde se conserva esta festa.