Albores levará este ano aos institutos as fotos do seu concurso sobre saúde mental

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

A inauguración e a entrega de premios do certame será este venres no IES Daviña Rey, de Monforte

29 ene 2019 . Actualizado a las 15:53 h.

A asociación Albores inaugurará este venres en Monforte a exposición do seu segundo concurso anual de fotografía Fotoxénica-Mente. Nese mesmo acto, que se celebrará ás cinco e media da tarde na biblioteca do instituto Daviña Rey, terá lugar a entrega de premios aos gañadores do concurso. Representantes de Albores intervirán para recordar o obxectivo deste concurso, que este ano está centrado en promover a saúde mental entre a xente nova para previr as enfermidades mentais e tratalas de maneira precoz.

Albores convida ao acto áos participantes do concurso, a representantes políticos e instituciionaos, ao equipo directivo e de profesores dese instituto, e aos usuarios de Albores e ás súas familias.

O segundo Certame Fotoxénica-Mente foi convocado o pasado día mundial da saúde mental, que se celebra o 10 de outubro. O lema desta segunda edición do concurso é a saúde mental e a mocidade, seguindo a liña da Organización Mundial de Saúde (OMS) que adicou a edición do 2018 do día mundial da saúde mental á xente nova.

A exposición formada coas fotografías presentadas ao certame poderase ver en distintos institutos da zona durante os próximos meses e irá acompañada de obradoiros para o estudantes. Os portavoces de Albores explican que "os obxectivos que se perseguen con esta dobre actuación son ofrecer unha formación en temas relacionados coa saúde mental e fomentar a prevención e detección precoz das enfermidades mentais na xente nova".