O reto de mergullarse no galego

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Santi M. Amil

O instituto Otero Pedrayo participa no programa «21 días co galego» que promove Política Lingüística

15 ene 2019 . Actualizado a las 08:04 h.

«Eu falo galego na casa, as veces, coa miña avoa. Cos amigos non tanto. Emprego expresións feitas pero adoitamos comunicarnos en castelán», confesa Breogán Janeiro, estudante de segundo da ESO do instituto Otero Pedrayo de Ourense. Pola contra, Luís Fernández é galegofalante na casa, pero no instituto retráese, pese a ser consciente segundo el mesmo ten comprobado. «Para verme máis ambientado coa maioría dos compañeiros que falan castelán, mudo o idioma. Pero non son o único. Supoño que porque non nos supón un gran esforzo», sinala o compañeiro de Breogán.

Ambos coinciden en que hai expresións que non resultan tan graciosas nin teñen tanta forza en castelán. «O galego ten unhas palabras moi bonitas e moi cómicas», apunta Luís. «E as veces parece que non intentamos comunicarnos máis en galego pola teima a equivocarnos», engade Breogán.

Tódolos alumnos de ensinanza Secundaria deste centro terán que mergullarse no idioma durante 21 días e reflexionar sobre o que iso supón. O reto -posto en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no ano 2013- consiste en que os mozos empreguen o idioma en tódolos ámbitos da súa vida, non só no académico ou no familiar. «Teremos que elaborar vídeos en diferentes momentos, como mercando nos comercios ou en situacións cotiás, e explicar como de complicado ou sinxelo nos resultou, se nos contestaron en galego ou non ou se volveríamos a repetilo», resume Luís sobre o programa.

Nesta iniciativa participan catro centros en toda Galicia -un de cada provincia-. O IES Daviña Rey (Monforte de Lemos), o instituto Antón Alonso Ríos (Tomiño) e o IES Pontepedriña (Santiago de Compostela) son os tres centros que xunto co Otero Pedrayo embárcanse na experiencia. Ademais, os estudantes non só adquirirán soltura co idioma -obxectivo principal- senón que coñecerán a realidade dos rapaces dos outros institutos ou o enclave xeográfico no que están situados. Polo camiño tamén indagarán sobre a historia dos seus centros e a cultura galega. Mergullaranse de cheo no galego.

O alumnado leva meses participando na elaboración de material audiovisual que se irá emitindo a través do blog do proxecto -ao alcance de todos os que estean interesados- e que será a base sobre a que estudantes e profesorado traballarán nos próximos 21 días.

Por outra banda, a iniciativa pretende saír do ámbito estritamente educativo e que as familias dos mozos matriculados na Ensinanza Secundaria Obrigatoria se impliquen, participando na inmersión lingüística con actividades programadas nas fins de semana.

«Que si tedes que comunicarvos por WhatsApp tamén en galego? Pois deberiades. Credes que seredes capaces?», responde unha das profesoras do centro á pregunta dunha alumna con outra pregunta. Os pequenos contestan con expresión de inseguridade. «Intentarémolo», dubida un deles en voz alta e suando só de pensalo.