Un día para incrementar o tamaño dos bosques da Ribeira Sacra

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Estudiantes de diferentes centros educativos participan nas plantacións de árbores que se celebraron en Monforte e en Bóveda

21 mar 2018 . Actualizado a las 21:32 h.

Institucións e centros de ensino conmemoraron hoxe o día da árbore, con plantacións simbólicas en diferentes lugares do sur da provincia de Lugo. En Monforte, o Concello organizouna no novo paseo fluvial. Pola súa parte, o grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra e a delegación territorial da Xunta fixeron a súa propia conmemoración no viveiro forestal de Bóveda.

No caso de Monforte, ao redor de 225 alumnos de diferentes colexios e institutos da cidade déronse cita no tramo do paseo fluvial situado entre os barrios de Cobas e A Pinguela para plantar árbores coa axuda de personal municipal do departramento de parques e xardíns. Durante o acto, o alcalde monfortino, José Tomé, recordou que o obxectivo desee día é "concienciar ás novas xeracións da importancia que teñen a natureza e o medio ambiente. Coa plantación das árbores os rapaces tamén se converten nos protagonistas da xornada e entenden, dun xeito máis directo, o valor que teñen as árbores na nosa vida cotiá”.

Os rapaces plantaron no paseo fluvial de Monforte un total de dezaoito árbores, dúas por cada un dos centros educativos. Trátase de bidueiros, sobreiras, lariz, carballos americanos, acer, faias e servais.

En canto ao acto de Bóveda, participaron perto de trescentos estudantes procedentes de diferentes municipios da Ribeira Sacra. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou no denominado viveiro dos Trollos, que os nenos deben ser activos na defensa “dun monte vivo e con futuro”, concienciados do "importante papel que deben xogar na preservación dos bosques”.

Nesta xornada en Bóveda estiveron presentes 279 alumnos e 27 profesores de distintos centros escolares dos quince concellos lucenses que integran o GDR da Ribeira Sacra. Ademais de Balseiro, acompañáronos outros representantes institucionais, como o alcalde de Bóveda e presidente do GDR Ribeira Sacra, José Manuel Arias.

Según a información facilitada pola delegación territorial da Xunta en Lugo, ao longo desta mañá, os alumnos visitaron a aulta forestal do viveiro, coa súacolección de sementes, paneis explicativos dos ciclos do monte, e ferramentas utilizadas para a corta e tratamento da madeira, entre outro material. Os responsables do viveiro tiñan ademais preparada unha carpa na que os estudantes tiveron ocasión de construír caixas niño para aves e de participar no obradoiro "Sementar, sementarei", no que plantaron unha semente de especies autóctonas que levaron para as súas casas. Durante estes actos, o delegado da Xunta explicou que a Consellería do Medio Rural “ten previsto darlle ao viveiro dos Trollos un enfoque claramente pedagóxico, invitando a todos os colexios da provincia para que o visiten e aprendan diversas cuestións sobre os tipos de árbores e os coidados do monte”.