Localizan un posible miliario romano na igrexa da parroquia de Moreda

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Polo lugar pasa a antiga vía que comunicaba a zona de Monforte con Belesar

31 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A igrexa da parroquia monfortina de San Salvador de Moreda pode conservar un vestixio moi pouco común da vía romana secundaria que enlaza este municipio con Belesar -no Saviñao-, cuxo trazado coincide co do Camiño de Inverno. Así o creen o arqueólogo Xabier Moure e outros investigadores que examinaron o templo en días pasados mentres buscaban petróglifos por esta mesma zona. Ao seu parecer, a base dun vello banco de pedra adosado a un muro exterior da igrexa consiste moi posiblemente nun fragmento dun miliario, é dicir, unha das columnas de pedra que se colocaban habitualmente nas beiras das vías romanas para sinalizar as distancias.

Segundo explica Moure, «a probabilidade de que se trate dun miliario é dun 90%». Aínda que nas súas partes visibles non figura ningunha inscrición, a propia feitura da peza -duns trinta centímetros de diámetro-proporciona importantes pistas. «Unha parte da pedra foi labrada para darlle unha forma cilíndrica, mentres que o resto é cuadrangular», sinala. Esta sección cadrada é moi típica dos miliarios e corresponde á parte que se soterraba no chan cando se erixían estas columnas de sinalización.

Un caso único na zona

Moure apunta por outro lado que a presenza dun miliario non pode considerarse como algo insólito nunha zona por onde se sabe que pasaba unha vía romana. En Galicia están catalogados numerosos elementos deste tipo. Porén, no sur lucense aínda non se localizou ningunha peza arqueolóxica desta clase. «Na comarca de Lemos só teño noticia dun posible miliario que estaba xunto a unha capela próxima ao castro de Castillón, en Pantón», indica o arqueólogo. «O miliario máis próximo a esta zona que se coñece -agrega- é un que se encontra xunto a unha casa na aldea de Lamaigrexa, na parroquia de Farbán, en Sarria».

O arqueólogo lucense Antonio Rodríguez Colmenero, que estudou esta peza a principios da pasada década, considera que é unha confirmación da existencia dunha vía romana que unía Lugo e o Castro Dactonio, unha antiga poboación supostamente situada en Monforte ou nalgún outro punto da comarca de Lemos. Esta ruta é mencionada no chamado Itinerario de Astorga, unha serie de táboas de barro cocido que describen as vías romanas do noroeste ibérico.

Unha lápida descoñecida con símbolos heráldicos no adro do templo

Ademais do suposto miliario, a igrexa de Moreda conta con outros elementos arqueolóxicos moi pouco coñecidos. Un deles consiste nunha lápida de mármore -de 1,80 por 0,70 metros- que se encontra hoxe no adro do templo e que está labrada cun escudo de armas dividido en catro partes. Xabier Moure sinala que en dúas seccións figuran respectivamente o que parecen ser un cáliz e a silueta dun animal -posiblemente un león-, mentres que nas outras dúas están talladas cinco barras.

Os veciños sinalan que esta lápida formaba parte do pavimento do interior da igrexa e que foi retirada para fóra cando se fixeron unhas obras de reforma no templo, hai entre 25 e trinta anos. Os investigadores pensan que puido pertencer a un sepulcro dunha familia fidalga da zona. A lápida non conserva ningunha inscrición escrita.

Por outro lado, no exterior da igrexa hai outro banco de pedra praticamente igual ao que contén o presunto miliario. Nunha das pedras que serven de base a este asento, os investigadores localizaron un fragmento dunha inscrición en latín na que só se poden identificar as letras Deo (Deus). A talla, segundo apunta Moure, é probablemente da época medieval.

Un símbolo relacionado coa Orde de Santiago

A igrexa de Moreda é de orixe románica, pero sufriu importantes reformas nos séculos XVIII e XIX. O único vestixio visible da antiga fábrica é unha portada lateral encadrada neste estilo. Xabier Moure sinala que esta porta está decorada cun relevo que representa unha flor de lis. Os expertos que visitaron o lugar indican que este símbolo está moi relacionado coa antiga orde monástico-militar de Santiago, que talvez tivo posesións na zona durante un tempo. O que se sabe con certeza é que a antiga Encomenda de Quiroga -pertencente á Orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén- contou un priorado en Moreda. Un rastro visible desta posesión é un relevo coa cruz de Malta que se conserva nun dos muros exteriores de mesma igrexa.