Una enquisa feita por estudantes anticipou o resultado do PSOE

Os alumnos do Torre de Lemos cravaran hai catro años o reparto de concellerías

Todos os estudantes do colexio Torre de Lemos que participaron na elaboración da enquisa de intención de voto nestas eleccións municipais, reunidos onte no salón de actos do centro.
Todos os estudantes do colexio Torre de Lemos que participaron na elaboración da enquisa de intención de voto nestas eleccións municipais, reunidos onte no salón de actos do centro.

monforte / la voz

Hai catro anos cravaron o resultado. Esta vez non atinaron exactamente, pero tampouco quedaron moi lonxe. As enquisas sobre intención de voto elaboradas polos estudantes do colexio Torre de Lemos van camiño de converterse nun clásico das campañas das eleccións municipais en Monforte.

Na realización desta última enquisa participaron activamente ao redor de vinte escolares. A maioría deles son de cuarto da ESO, pero tiveron axuda dun grupo de compañeiros de segundo. «Nós -explica Luis Conde, o profesor que coordinou o traballo- marcámoslles o obxectivo de que conseguisen catrocentas respostas e eles organizáronse en grupos para buscalas».

Na preparación previa, os profesores tiveron que decidir primeiro a cantas persoas tiñan que tratar de entrevistar os rapaces. Xa hai catro anos, estableceran tamén un mínimo de catrocentas, unha cantidade suficiente como para sacar conclusións estatisticamente fiables dun censo electoral do tamaño de Monforte, formado por unhas 15.000 persoas.

Pero a preparación non acabou aí. Para ser fiables, as enquisas deben ter en conta que o comportamento electoral non é idéntico en todas as franxas de idade. Así que consultaron a información dispoñible na páxina web do Instituto Galego de Estatística para descubrir o peso de cada segmento de poboación no conxunto do censo electoral monfortino. Con ese dato souberon cantos enquisados precisaban de cada grupo de idade.

Entrevistas na rúa

Con esta base feita, só faltaba o traballo de campo, a busca das catrocentas respostas en entrevistas persoais a persoas elixidas na rúa de forma aleatoria. E conseguilas non foi nada fácil. Igual que lle pasou aos estudantes que fixeron a enquisa do 2011, os rapaces encontráronse con que a maioría das persoas ás que se preguntaban non lles querían contestar.

«Moitos contestaban que non eran de Monforte, aínda que fose xente que ves por aí todos os días», apunta Gabriela Salvador Vassalo, unha das alumnas de segundo que colaboraron cos de cuarto na elaboración da enquisa. A Jesús González, tamén de segundo, tocoulle o grupo que tiña que buscar votantes maiores de 75 anos. «Por cada un que aceptaba contestarnos, había cinco que non querían», asegura.

Pero dificultades tiveron todos, non só os que buscaban os votantes de máis idade. Andrea Anache e Lara Cortiñas tiñan que entrevistar aos de entre 18 e 35 anos e tamén lles tocou oír unhas cantas negativas: «Moitos dicían que non nos contestaban porque o voto é secreto».

Unha semana de traballo

Conseguir as catrocentas respostas levoulles unha semana. Facían as entrevistas en horario de tarde, e dedicábanlle a ese traballo entre dúas e tres horas diarias. Houbo quen ideou trucos para axilizar o traballo. O grupo de Johan David Leguizamón decidiu presentarse en fin de semana nos campos de fútbol Luis Bodegas e A Pinguela e aproveitar a aglomeración de público que acudía ver os partidos.

Coas catrocentas respostas conseguidas, os profesores encargáronse de facer as sumas e de calcular como quedaría a corporación local con eses resultados de acordo á norma D?Hont e a lexislación electoral española, que impide o acceso ao reparto de concellerías ás candidaturas que non alcancen o 5% do voto.

A súa enquisa non anticipou exactamente o resultado, como si fixo a do 2011. Pero si anticipou os seis concelleiros do PSOE, o dato fundamental e máis sorprendente destas eleccións municipais en Monforte. E tamén a entrada de Esperta Monforte con un representante na nova corporación.

eleccións locais anécdotas de campaña

Enquisa do colexio

PSOE 6 BNG 4

PP 6

Espertamonforte! 1

Resultados reais

PSOE 6 BNG 5

PP 5

Espertamonforte! 1

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Una enquisa feita por estudantes anticipou o resultado do PSOE