O Concello de Monforte inicia as actividades do Ano Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Recital de música e poesía en memoria de Lois Pereiro no Día das Letras Galegas do 2011.
Recital de música e poesía en memoria de Lois Pereiro no Día das Letras Galegas do 2011. alberto lópez< / span>

A Casa de Cultura e a biblioteca recibirán o sábado o nome do poeta

10 abr 2015 . Actualizado a las 13:10 h.

O Concello de Monforte iniciará esta semana os actos do chamado Ano Lois Pereiro, dedicado a divulgar a obra e a figura do poeta que protagonizou o Día das Letras Galegas do 2011. O programa, que foi presentado onte na Casa de Cultura polas concelleiras Pilar López e María Xosé Vega, comezará hoxe mesmo cunhas charlas divulgativas que se ofrecerán aos alumnos de primeiro curso de bacharelato dos tres institutos da cidade. Pero as principais actividades previstas para estes días terán lugar o sábado, cando se formalice o nomeamento da Casa de Cultura e da bibloteca municipais, en cumprimento do acordo aproblado polo pleno o pasado xaneiro.

López e Vega sinalaron que este centro non se limitará a levar o nome do poeta, senón que a partir de agora tamén utilizará a súa imaxe como símbolo identificativo. Con esta fin creouse un selo coa efixie de Lois Pereiro que servirá para marcar todos os libros da biblioteca. Un letreiro co seu nome será instalado na fachada do edificio e o seu retrato tamén estará presente nas tres portas que dan acceso á sala de lectura.

Chapas con poemas

Por outro lado, o Concello editou unha serie de dez chapas con diferentes textos poéticos de Pereiro que serán repartidas entre as persoas que asistan aos actos do sábado, coa fin de contribuír á popularización da súa obra literaria. Para o mes de maio -especificamente en torno ao Día das Letras Galegas- tamén se organizarán outras actividades que por agora non se especificaron. «Pensamos que o 17 de maio Monforte debe ter presente a Lois Pereiro, o mesmo que outras cidades teñen presentes aos seus escritores e artistas nesas datas», apuntou a este respecto María Xosé Vega.

Pilar López precisou por outro lado que actualmente non é posible saber se este programa de actividades terá continuidade despois das eleccións municipais -o que dependerá do que decida o próximo grupo de goberno-, pero fixo votos para que «ao longo do ano e nos anos vindeiros Lois Pereiro siga presente entre nós» e para que os veciños de Monforte, especialmente «os máis novos», coñezan ben a súa figura e a súa obra literaria.

Así mesmo, María Xosé Vega fixo fincapé na forte identificación de Lois Pereiro coa súa cidade natal, afirmando que «unha parte da súa literatura non se explicaría sen Monforte». Ao seu xuízo, «a cidade debe identificarse con Lois Pereiro o máximo posible».