«Cando veñan os técnicos da Unesco vai haber un ridículo espantoso»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

XOÁN A. SOLER

Ayán falará hoxe en Monforte sobre a xestión do patrimonio da Ribeira Sacra

27 feb 2015 . Actualizado a las 22:56 h.

O arqueólogo Xurxo Ayán Vila, natural da Pobra do Brollón, dará hoxe no Centro do Viño de Monforte -ás 20 horas- unha conferencia sobre o legado histórico e arqueolóxico da Ribeira Sacra e as posibilidades que ten este territorio de ser declarada patrimonio da humanidade. Ayán sinala que a súa intervención seguirá unha liña similar á do seu libro Herdeiros pola forza -coescrito con Manuel Gago-, no que analiza criticamente a xestión social e política do patrimonio galego. O acto está organizado pola asociación O Colado do Vento.

-¿A Ribeira Sacra ten méritos para ser recoñecida como patrimonio da humanidade?

-É un territorio que ten valores abondo para merecer esa categoría, pero o modelo actual de xestión e conservación do patrimonio non é apto para obter ese recoñecemento. A Ribeira Sacra ten un problema de relato, como din agora do goberno de Rajoy. É dicir, ten suficientes valores históricos, culturais e arqueolóxicos para ser patrimonio da humanidade e non necesita inventarse un pasado imaxinario, como se está a facer.

-¿A que se refire?

-Por exemplo, a esas lendas que din que os viños de Amandi eran levados a Roma para ser servidos aos emperadores. É incrible que estean tan estendidas esas historias cando non son máis que unha falacia, porque non hai ningunha proba arqueolóxica de que neste territorio se elaborase viño na época romana. E logo están esas celebracións nas que participan figurantes vestidos de lexionarios romanos... A xente pode vestirse como queira, pero hai que dicir que todo iso non é serio e que non ten ningunha base histórica.

-¿Por que considera que é inadecuado o modelo de xestión do patrimonio da zona?

-Segue as mesmas pautas do modelo totalitario impulsado polas élites políticas e intelectuais nos anos sesenta e setenta, con iniciativas como a promoción turística da Serra dos Ancares, as festas de exaltación do marisco e dos viños das Rías Baixas... A imaxe que se divulga actualmente da Ribeira Sacra foi construída desde finais dos anos oitenta seguindo ese modelo elitista que vén de máis atrás. É un modelo que non ten en conta para nada as comunidades locais que habitan neste territorio e que non se basea nos verdadeiros valores patrimoniais, senón nunha serie de falacias e mitos, en recreacións pseudohistoricistas e pastiches. Cóntanse falsas historias de romanos, pero semella que non se quere contar que a paisaxe actual da Ribeira Sacra é o produto dun estado totalitario, dos grandes encoros que se construíron durante o franquismo e que alteraron radicalmente a paisaxe tradicional. Por certo, esa paisaxe tampouco era unha paisaxe virxe, por máis que se empeñen en presentala como tal, senón unha paisaxe profundamente humanizada. En Galicia non hai realmente paisaxes virxes, salvo talvez en certos recantos, como a Devesa da Rogueira, na Serra do Courel.

-¿Que posibilidades cre que ten a candidatura que se vai presentar á Unesco?

-Penso que cando veñan os técnicos da Unesco a ver a zona vai haber un ridículo bastante espantoso. Os mesmos políticos que piden esa declaración son os que non se preocupan para nada pola conservación do patrimonio da zona e ao mesmo termpo queren meter polo medio da Ribeira Sacra unha autovía totalmente innecesaria. Para facerse unha idea de como se promociona este territorio basta con facer unha viaxe nos catamaráns do canón do Sil e escoitar esas curiosas explicacións sobre unhas rochas que supostamente semellan a cabeza dun indio.

xurxo ayán arqueólogo

«Expolemos é unha ruína arqueolóxica»

En opinión de Xurxo Ayán, o estado de conservación e o aproveitamento social do patrimonio da Ribeira Sacra deixa moito que desexar.

-¿Como ve o patrimonio arqueolóxico, que é a súa especialidade?

-Non se está facendo ningún esforzo por investigar e rehabilitar ese patrimonio, porque aos políticos iso é algo que non lles interesou nunca. Está o caso, por exemplo, do castro descuberto en tempos recentes no monte de San Vicente, en Monforte. ¿Por que non se continuaron as primeiras escavacións que se fixeron despois da súa descuberta? O único castro rehabilitado e musealizado na zona é o de Arxeriz, no Saviñao, e a iniciativa partiu dunha fundación privada, non das administracións públicas. A clase política que agora se interesa tanto polo patrimonio da Ribeira Sacra non só non se precupou nunca por el, senón que ten contribuído moito ao seu deterioro nesta zona e en toda Galicia. Hai moitos casos de castros e mámoas destruídos por obras promovidas pola propia Administración.

-¿Que medidas propón para mellorar a xestión do patrimonio?

-En primeiro lugar habería que potenciar a investigación sobre ese patrimonio, a paisaxe que o rodea e a súa evolución histórica. Hai moitísimo traballo por facer neste terreo. Sería preciso investigar a historia da produción vinícola e moitos outros aspectos. Pero é difícil que isto se faga porque os nosos investigadores non teñen ningún apoio por máis preparados que estean. Por exemplo, a investigadora Lucía Pereira acaba de facer un traballo moi importante sobre as pinturas renacentistas das igrexas da zona e agora ten que ir traballar á Universidade de Cambridge porque aquí ninguén se interesa por ela.

-¿Que papel cre que debería corresponderlles ás comunidades locais?

-Para a xestión do patrimonio é imprescindible implicar ás asociacións veciñais e ás comunidades de montes, algo que aquí nunca se fixo. Tamén habería que ter en conta ás parroquias, que son as unidades territoriais tradicionais máis importantes. Pero aquí decídeno todo os concellos e as deputacións, sen ter en conta para nada a opinión dos veciños. Seguimos aferrados a un modelo de xestión totalmente caduco e que fracasou unha e outra vez. Un bon exemplo dese fracaso é o edificio Expolemos de Monforte, construído non hai moito tempo e hoxe vacío e sen ningún uso, que é un produto dese tipo de política. Expolemos é unha ruína arqueolóxica de hai vinte anos, un vestixio dun modelo fracasado.