«Queremos deseñar unha ruta cultural sobre Lois Pereiro en Monforte»

f.A. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNANDEZ

10 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

nunha recente asemblea, a asociación cultural O Colado do Vento -radicada en Sober- elixiu como presidenta a Paula Vázquez Verao e trazou un plan inicial de actividades para o seu mandato, que durará dous anos.

-¿Cales son as novidades principais que haberá na asociación neste período?

-Un aspecto importante é que imos organizar máis actividades fóra de Sober, profundizando nunha liña que xa vén de hai tempo. A maioría dos nosos socios son deste municipio, pero temos vocación de ser unha asociación comarcal. A primeira actividade da temporada será o día 27 en Monforte e consistirá nunha conferencia do arqueólogo Xurxo Ayán sobre o patrimonio da Ribeira Sacra. Tamén queremos potenciar as relacións con outros colectivos da zona que traballan na defensa do patrimonio.

-¿Xa hai máis actividades previstas noutros municipios?

-Por exemplo, pretendemos deseñar algún tipo de ruta cultural en Monforte sobre o poeta Lois Pereiro e a súa época, pero iso aínda non está planificado e hai que desenvolvelo máis. En Monforte tamén pensamos organizar un itinerario interpretativo sobre as antigas minas de Freixo e visitas ao casco histórico e o museo ferroviario. Outros proxectos que temos son xornadas divulgativas sobre a minería romana de Quiroga e O Courel e o patrimonio románico de Chantada e Carballedo.

-¿E en canto ao patrimonio histórico e cultural de Sober?

-Un elemento ao que queremos dar especial atención é o conxunto de pinturas murais da igrexa de Pinol, porque pensamos que hoxe é o que necesita con máis urxencia unha restauración. Temos en proxecto algún acto reivindicativo para chamar a atención sobre a deterioración deste patrimonio. Por outro lado, seguiremos facendo o que chamamos «turismo rural con fouce», que consiste en organizar visitas guiadas a elementos significativos do patrimonio do municipio nas que aproveitamos para limpar de maleza os camiños tradicionais. Ademais, desde hai tempo temos a idea de facer unha recollida de microtoponimia da zona e nesta etapa intentaremos levala a cabo.

-¿Seguirán traballando na horta comunal tradicional que crearon en Arxemil?

-Si, e tamén temos previsto continuar organizando obradoiros sobre saberes e oficios tradicionais. O ano pasado tivemos un obradoiro de fabricación artesanal de cervexa que tivo moito éxito e gustaríanos repetilo. Outros obradoiros deste tipo poden estar dedicados a cousas como a elaboración tradicional de xabón. Cremos que estas actividades teñen moito interese porque poden dar pé á creación de emprego e a abrir novas oportunidades no medio rural. Nesta etapa pretendemos por outra parte colaborar con iniciativas relacionadas coas necesidades básicas da xente, como recollidas de alimentos. E tamén esperamos poder renovar profundamente a nosa páxina web para ter unha presenza máis importante en Internet.