Ledicia Santos, bióloga: «No Courel viven 22 das 26 especies de morcegos coñecidas en Galicia»
FOLGOSO DO COUREL
Santos dirixirá o sábado unha xornada divulgativa de observación destes animais
30 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A bióloga Ledicia Santos Fernández (Barbadás, 1986) dirixirá este sábado unha xornada de observación de morcegos na localidade de Paderne —no municipio de Folgoso— dentro dun programa de actividades de divulgación do patrimonio natural da reserva da biosfera da Ribeira Sacra e as serras do Oribio e O Courel. A iniciativa é organizada polo xeoparque Montañas do Courel e as prazas dispoñibles xa están esgotadas. Santos traballa como profesora de Bioloxía no instituto da Pobra de Trives e preside a asociación Morcegos de Galicia.
—Que técnicas se utilizan nestas xornadas de observación?
—Utilízanse sensores de ultrasóns cos que se poden escoitar as voces dos morcegos aínda que non os vexamos e identificar así as diferentes especies. Quizá instalemos tamén unhas redes para capturar algún exemplar a fin de que poidamos velos e non só escoitalos. Estas capturas con redes fanse normalmente nas beiras dos ríos e outros corpos de auga, porque o primeiro que fan moitos morcegos cando comezan os voos nocturnos é ir beber, sobre todo en primavera, verán e principios do outono.
—Cantas especies de morcegos viven na serra do Courel?
—Neste territorio viven 22 especies, o que está moi ben tendo en conta que en toda Galicia están identificadas 26. É posible que tanto no Courel como no resto de Galicia haxa outras especies que aínda non se detectaron. É importante resaltar este feito porque moita xente fala dos morcegos como se non houbese máis que unha especie cando en realidade son moitas. Na miña asociación estamos realizando desde o 2007 un atlas das especies de morcegos de Galicia. Para iso dividimos en cuadrículas o territorio da comunidade e imos rexistrando as especies identificadas en cada unha destas zonas. Aínda faltan algunhas cuadrículas por cubrir, pero nas que xa están investigadas poden aparecer outras especies que non se rexistraron antes. O atlas de morcegos é un proxecto vivo que vai crecendo co tempo.
—Cales son os hábitats que frecuentan os morcegos de Galicia?
—Todos os morcegos de Europa son insectívoros, pero non todos teñen os mesmos requirimentos en canto aos refuxios e frecuentan diferentes lugares. Por exemplo, o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros) prefire as casas vellas se non chove no interior. Hai outras especies que se refuxian nos bosques ou nas covas. En moitos casos os nomes comúns indican en que tipo de lugares é máis fácil encontralos, como o morcego de río ou ribeira (Myotis daubentonii), que sobrevoa os cursos de auga, ou o morcego das hortas (Eptesicus serotinus), que frecuenta os mosaicos de cultivos. A estes animais aféctanlles moitísimo a perda das típicas leiras ou a diminución do gando, porque onde hai reses abundan as moscas e mosquitos dos que se alimentan. O abuso de praguicidas e pesticidas tamén é moi prexudicial para eles.
—Estes animais seguen tendo mala fama a pesar do seu importante papel ecolóxico.
—Hai xente que pensa que poden enredarse no pelo ou que morden ás persoas. Pero é moi difícil non xa que cheguen a enredarse no pelo senón que cheguen a rozar un ser humano a non ser que estean moi asustados polo ruído ou por algún outro motivo. En canto a morder, poden mordernos cando os capturamos para facer observacións, pero todos os especialistas que traballamos con eles estamos vacinados contra a rabia, como tamén o están todos os que traballan con animais salvaxes, como os raposos. A pesar da súa mala fama son moi importantes para controlar os insectos e as pragas. O máis común é que pesen en torno a catro gramos e nunha noite chegan a comer máis da metade do seu peso en insectos.
—Nalgúns lugares instálanse caixas refuxio para favorecer as poboacións de morcegos. Sería conveniente facelo na serra do Courel?
—Nun territorio como este non fai ningunha falta porque teñen moitísimos lugares onde refuxiarse. Poden facelo nos ocos das árbores, nas covas, entre as lousas.... Cando se instalan caixas refuxio é con algunha finalidade concreta. Por exemplo, en Moaña colocáronse porque alí asentouse o mosquito tigre e os morcegos poden axudar a controlalo. En Valencia instálanse caixas deste tipo porque os morcegos cazan insectos que prexudican os cultivos. Nas insuas do Miño, en Rábade, tamén colocamos unha rede de caixas refuxio, pero é para poder estudar mellor as poboacións locais.