A Xunta premia o proxecto de recuperación do léxico tradicional do colexio do Courel

FOLGOSO DO COUREL

Un dos dous xogos de mesa elaborados polo colexio do Courel dentro do proxecto «Palabra no tempo»
Un dos dous xogos de mesa elaborados polo colexio do Courel dentro do proxecto «Palabra no tempo» CPI UXÍO NOVONEYRA

A iniciativa recibiu a cualificación de «excelente» e suporá un galardón de 2.000 euros para o centro educativo

27 may 2026 . Actualizado a las 17:11 h.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa outorgaron a cualificación de «excelente» ao proxecto «Palabra no tempo», desenvolvido no colexio público do municipio de Folgoso do Courel para recuperar e difundir o vocabulario tradicional da serra. Esta distinción foille concedida ao aprobarse a resolución da convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública durante o curso académico 2025-2026.

Este recoñecemento supón que o colexio Poeta Uxío Novoneyra recibirá unha dotación económica de 2.000 euros e certificación do primeiro premio de Innovación Educativa para o profesorado, así como a difusión deste proxecto a través dos medios dixitais da Secretaría Xeral da Lingua. Os outros centros que recibieron esta distinción son os institutos Valle-Inclán —de Pontevedra— e Illa de Ons —de Bueu—, así como un proxecto desenvolvido conxuntamente polos institutos Milladoiro e Ames —do municipio de Ames—, e Xulián Magariños, de Negreira.

Dentro do proxecto «Palabra no tempo», o colexio do Courel recolleu 370 palabras e expresións tradicionais da comarca. Algunhas destas voces, sinalan desde o centro, están «en risco de desapareceren debido ao despoboamento da zona, á falta de transmisión xeracional ou á tendencia cara o uso do galego estándar», mentres que outras están «aínda vivas na fala cotiá». O traballo forma pare do programa «Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional», coordinado polo Instituto da Lingua Galega da USC en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As voces tradicionais recompiladas dentro deste proxecto serviron de base para a elaboración de dous xogos de mesa —un dominó e un memory— e dun Dicionario de léxico patrimonial do Courel que xa foi editado en formato dixital na páxina web do Instituto da Lingua Galega e que será publicado tamén en papel coa axuda da Deputación lucense.