Vilamor do Courel celebrará este sábado o tradicional baile dos toxos

FOLGOSO DO COUREL

Un momento do baile dos toxos nunha edición anterior do festexo
Un momento do baile dos toxos nunha edición anterior do festexo ALBERTO LOPEZ

O programa comprenderá unha homenaxe a dous antigos grupos musicais do O Incio que animaron en tempos este festexo

15 ene 2024 . Actualizado a las 18:19 h.

A localidade de Vilamor, no municipio de Folgoso do Courel, celebrará este sábado o tradicional baile dos toxos, que forma parte das festas de San Vicente, patrono da parroquia. O baile —recuperado no 2023 despois de dous anos de suspensión a causa da pandemia— recrea as condicións nas que se celebrababa a festa cando era habitual que nesta época do ano se producisen fortes nevadas na serra. Para non ten que bailar sobre o terreo nevado e embarrado, os veciños estraban con toxos o piso dunha corte. Esta tradición perdeuse na década de 1970 e foi recuperada neste século en dúas etapas diferentes. A primeira, a principios da década pasada e a segunda, no 2019.

O festexo é organizado pola asociación sociocultural O Quintairo de Vilamor coa axuda do colectivo Fonte do Milagro —da veciña parroquia de Froxán— e do Concello de Folgoso do Courel. Nesta ocasión celebrarase unha homenaxe a dúas formacións musicais xa desaparecidas, a Banda do Incio e a Banda da Raxoá —da parroquia de Trascastro—, que en tempos actuaban habitualmente nas festas de San Vicente de Vilamor. «Estes músicos viñan andando desde O Incio a través da serra da Carballeira e con esta homenaxe queremos recordar o que fixeron para animar as nosas festas», di Manuel Vila, presidente da asociación organizadora. Os músicos da Raxoá —engade— compuxeron a peza O baile do esparaván, que foi típica deste festexo xunto coa Carballesa do Incio.

Na actualidade, sinala por outra parte Vila, só vive un dos integrantes da Banda do Incio, Francisco Parada Torre, a quen se entregará un obsequio. «Os músicos da Raxoá xa faleceron todos, pero á homenaxe virá un sobriño dun dos compoñentes do grupo», engade.

O programa de actos comezará ás 13.00 horas cunha misa solemne na igrexa de Vilamor. Ás 14.00 horas iniciarase unha sesión vermú na que actuará o o grupo Cantores do Courel. Ás 16.00, a cantante e compositora Uxía Senlle pronunciará o pregón do festexo. Media hora máis tarde comezará un campionato de «chia-lo eixe», no que os participantes deberán empurrar unhas rodas de carros do país montadas sobre eixes. A continuación celebrarase o baile dos toxos. Os organizadores piden aos asistentes que, de ser posible, acudan con zocos e roupas de época. A xornada terminará cunha foliada libre.