Manolo González: « A Peña Deportiva está ben como club, é máis do que di o nome»

x. r. c. VIGO / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Manuel González
Manuel González CEDIDA

O técnico do Courel aventura unha eliminatoria «divertida» fronte ao Coruxo

20 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Manolo González (Folgoso do Courel, 1979) enfrontarase o domingo (19.30 horas, La Nucía) por primeira a vez a un equipo galego. O adestrador lucense, que fixo toda a súa carreira en Cataluña e Zaragoza, adestra á Peña Deportiva de Santa Eulalia del Río, o rival do Coruxo na semifinal polo ascenso a Primeira RFEF. González di que o conxunto balear é máis club do que pinta o nome e aventura unha eliminatoria do máis divertido tendo en conta que os dous equipos gustan do fútbol de ataque.

—Como sentou a eliminatoria co Coruxo?

—O obxectivo da tempada era a permanencia, porque o club salvouse o ano pasado na liguilla de permanencia e non quería sufrir, pero ao final o equipo acabou no play-off e unha vez aquí o reto é intentar ascender de categoría.

—Que lle parece o Coruxo como rival?

—É un bo equipo, que usa ben o balón, que ataca ben e que ten boas transicións. A verdade é que é un rival potente e sabemos que temos que dar unha versión moi boa para poder pasar.

—Sorprendeulle a segunda volta que fixeron?

—As tempadas teñen fases. Fixeron unha segunda volta moi boa e chegan cunha dinámica perfecta. As dinámicas e o estado mental dun equipo marcan moito, pero nós tamén chegamos nun momento moi bo e seguro que será un partido disputado.

—Como definiría ao seu equipo?

—Un equipo moi competitivo, que usa ben o balón e ao que lle gusta dominar os partidos. Somos un bloque que elabora bastante. Creo que somos un conxunto bastante completo que dominamos bastantes facetas do xogo. Logo, cando chegas a un partido, xa sabes que hai moitos condicionantes que poden facer que saia dun xeito ou outro.

—Como é a Peña Deportiva como club?

—É un club con varias seccións aparte do fútbol, coma o balonmán. É un club onde che deixan traballar, no que se está moi a gusto e que a nivel de adestrador é moi cómodo, porque non tes unha presión grande e iso fai que o equipo poida render a mellor nivel. En canto a estrutura, está ben, non faltan cousas. Polo nome, igual a xente o menospreza un pouco, pero está moito mellor do que se poida pensar dende fóra. A Peña Deportiva é máis que nome, que igual no ten o doutros, pero está ben.

—É a primeira vez que se enfronta a un equipo galego?

—Se non me equivoco, creo que si.

—Que significa para vostede medirse a un galego?

—Non o tomo como unha cousa especial. Si que é certo que miro aos equipos galegos, especialmente ao Racing cando estaba Emilio Larranz que era o meu amigo, e o Lugo, porque eu son do Courel. Nós, a nivel de sorteo, non tiñamos ningunha preferencia e para nós é un partido máis.

—Jacobo Montes di que parece a xornada 35 de liga pero estamos a falar dun play-off de ascenso.

—Imos xogar noutro sitio e eu creo que isto non se parece nada a un partido de liga. Para min non ten nada que ver, porque a transcendencia que ten non ten nada que ver cun partido de liga.

—Que importancia lle da a ter a baza do empate no caso de prórroga?

—A priori, non lla dou, pero é unha vantaxe que tes se o partido está igualado. Agora mesmo, nós pensamos en gañar, non en empatar o partido, entre outras cousas, porque non sabemos, porque non somos un equipo defensivo, somos un equipo gañador e imos buscar o partido dende o minuto 1.

—O Coruxo tamén é un equipo de vocación ofensiva, o que nos fai pensar entón nun partido aberto.

—Creo que será un partido divertido para a xente. Seguro que o noso non vai ter moito parecido con outros partidos deste play-off. Coruxo e nós igual temos menos nome que outros, pero seguro que o noso partido será moi divertido.