O Apalpador volve estar listo para saír do seu bosque do Courel

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Na súa auténtica casa. Moitos sosteñen que a casa do Apalpador está na devesa da Rogueira, o bosque máos coñecido da Serra do Courel. Na foto, o Apalpador xunto a unha fogueira na súa saída da Rogueira no Nadal do 2019
Na súa auténtica casa. Moitos sosteñen que a casa do Apalpador está na devesa da Rogueira, o bosque máos coñecido da Serra do Courel. Na foto, o Apalpador xunto a unha fogueira na súa saída da Rogueira no Nadal do 2019 ASOCIACIÓN FONTE DO MILAGRO

No 2020 houbo que suspendelo pola pandemia, pero esta vez o carboeiro do Nadal si que fará o seu percorrido pola Rogueira

18 dic 2021 . Actualizado a las 18:11 h.

É sabido que o Apalpador vive nas montañas, pero moitos aseguran ser quen de precisar un pouco e din que a súa casa está na Serra do Courel. E entre estes tamén os hai que se consideran capaces de concretar aínda máis e aseguran que a casa deste vello carboeiro está na devesa da Rogueira, o bosque de 300 hectáreas que medra desde sempre ao pé do monte Formigueiros. O Apalpador percorre polo Nadal moitos lugares de Galicia, pero está claro que unha das súas aparicións máis agardadas é a fai que entre as árbores centenarias da Rogueira. O ano pasado decidiu non realizar o seu percorrido por este bosque, porque a pandemia de coronavirus estaba nun dos seus peores momentos. Pero este ano si que sairá, acaba de anuncialo o Concello de Folgoso do Courel.

Así o contaban a noticia estes días no Concello de Folgoso do Courel: «Acaba de chamarnos o Apalpador e confírmanos que baixará da Devesa da Rogueira en Moreda do Courel o vindeiro 28 de decembro ás cinco da tarde, para recibir a todos os nenos e nenas que queiran achegarse e que poidan levar o seu agasallo». Quen o queira ir ver terá que estar ás cinco na entrada á Rogueira, un pouco máis arriba da aula na natureza, alí onde hai ao pé do camiño unha cabana de pedra cunha caixa do correo na que se pode ler o nome do Apalpador.

A figura do Apalpador que se pode ver na oficina de turismo de Folgoso. E ao seu carón, o seu creador, o artista de Bóveda David L. Gesto
A figura do Apalpador que se pode ver na oficina de turismo de Folgoso. E ao seu carón, o seu creador, o artista de Bóveda David L. Gesto CONCELLO DE FOLGOSO DO COUREL

O Apalpador ten ademais xa presenza permanente na oficina de turismo de Folgoso do Courel, grazas a unha figura que reproduce a tamaño natural a este personaxe do Nadal. A peza é obra do artista David L. Gesto, nacido en Eimer, no concello de Bóveda, e forma parte desde hai uns días da exposición permanente deste centro público. A figura está instalada xunto a una fotografía de gran tamaño da Devesa da Rogueira. Xunto á peza, un texto explícalle aos visitantes que no Nadal o Apalpador baixa da montaña ás aldeas durante a noite, preferentemente o 24 ou do 31 de decembro, e entra nas casas pola cheminea para apalparlle a barriga aos nenos e así comprobar se comeron ben. Despois de lles desexar aos pequenos un bon ano, déixalles unhas poucas castañas e a veces tamén algún outro agasallo.

Ata hai uns poucos anos, as tradicións que falan deste vello personaxe de Nadal estaba case esquecidas. O Apalpador comezou a facerse popular a partir do ano 2008, grazas ao traballo de entidades como a asociación compostelá A Gentalha do Pichel, a primeira en editar un folleto divulgativo cun debuxo do personaxe realizado polo artista Leandro Lamas. Un ano despois publicaríase o conto infantil O Apalpador, escrito e ilustrado por Xoán González Otero, que foi infógrafo en La Voz de Galicia. Eran os primeiros pasos de cara á recuperación e popularización do protagonista das tradicións de Nadal das montañas de Galicia.