A vida oculta dos ríos de montaña, obxecto de estudo científico na Serra do Courel

FOLGOSO DO COUREL

Horacio García no río Ferreiriño, un dos cursos de auga do xeoparque Montañas do Courel que son estudados no proxecto que dirixe
Horacio García no río Ferreiriño, un dos cursos de auga do xeoparque Montañas do Courel que son estudados no proxecto que dirixe CEDIDA

Un proxecto de investigación que se desenvolve no territorio do xeoparque céntrase nos cursos de auga que corren sobre leitos de rocha

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Incrementar o coñecemento dos ríos galegos que discorren sobre leitos de rocha é o principal obxectivo dun proxecto científico que se desenvolve no territorio do xeoparque Montañas do Courel baixo a dirección de Horacio García García, investigador en xeomorfoloxía fluvial e profesor de xeografía física da USC. «Os ríos en rocha son moi diferentes dos chamados ríos de aluvión —que son a maioría— pero en xeral en Galicia non están nin catalogados nin estudados a pesar de que aquí hai unha concentración moi grande», explica. «Para poñer un exemplo, un libro sobre este tipo de ríos que publicou no 2010 o Instituto Geológico y Minero de España fala de toda a Península menos de Galicia», engade.

O proxecto dirixido por Horacio García, que xa estudou todo o curso do Lor durante a realización da súa tese de doutoramento, ten por escenario o río Ferreiriño e outros cursos de auga da serra, como o rego do Seco —afluente do anterior—, o Eiriz —nas proximidades de Folgoso do Courel— e o rego do Fial, situado no entorno de Seceda. O Ferreiriño, di o investigador, é especialmente simbólico por discorrer ao pé do pregamento de Campodola, a paraxe máis emblemática do xeoparque. «A súa forza erosiva foi precisamente o que cortou a montaña e puxo ao descuberto a estrutura interna do pregamento, pero tamén é ‘máis río' e permite ver máis cousas que os outros, que son máis curtos e consisten sobre todo en torrentes que se precipitan por barrancos, aínda que tamén resultan moi interesantes», sinala.

Os ríos sobre rocha, explica por outro lado García, diferéncianse dos ríos de aluvión en que o seu caudal «ten moita máis enerxía que material arrastrado, é dicir, a súa corrente ten unha capacidade enerxética enorme pero arrastran moi poucos sedimentos». Por outro lado —continúa—, como os seus leitos están moi encaixados, compórtanse dunha maneira moi diferente durante as crecidas. «Un río de aluvión como o Cabe, que discorre por terreos chans ao pasar por lugares como Monforte de Lemos, ten moitos sitios por onde desbordarse, mentres que os ríos en rocha non o poden facer, así que as súas crecidas son moito máis rápidas e violentas».

O investigador sinala así mesmo que o comportamento dos ríos sobre rocha durante estes episodios está aínda moi mal estudado nas montañas do Courel e no resto de Galicia. «Non temos rexistros e non sabemos moi ben o que sucede durante as crecidas, por que ademais este ríos corren por lugares moi pouco accesibles e moi despoboados, tanto que podemos dicir que son practicamente os únicos ríos virxes ou case virxes do territorio galego», afirma. «Noutros tempos, cando as zonas rurais estaban moito máis poboadas, podía ser máis fácil ver como se comportan ao longo do ano, pero hoxe en día non é así», agrega.

Pluviómetros e cámaras

Coñecer mellor o comportamento destes cursos de auga nas diferentes estacións do ano é unha das finalidades do proxecto de investigación. «Queremos saber mellor o que sucede nestes ríos cando non hai case ninguén ou ninguén que os poida ver e no inverno, cando é máis fácil que isto suceda, é precisamente cando os ríos están máis activos e cando máis nos interesa ver o que pasa», apunta García. Para estudar estes sucesos tan mal coñecidos, está previsto instalar dous pluviómetros e dúas cámaras de vídeo en ríos de rocha da serra do Courel, a fin de observar como repercuten as chuvias no incremento dos caudais. Aínda non está decidido onde se colocarán estes dispositivos pero García considera que un sitio apropiado sería o tramo do Ferreiriño entre as aldeas de Leixazós e Campodola, pertencentes ao municipio de Quiroga.

A importancia das madeiras mortas e das crecidas

No proxecto de investigación que dirixe Horacio García están a realizarse medicións dos leitos e dos caudais dos ríos do xeoparque Montañas do Courel que discorren sobre terreos rochosos e barrancos coa finalidade coñecer mellor a súa morfoloxía e o seu comportamento hidráulico, que poden experimentar moitas variacións. Nas zonas polas que corren estes cursos de auga, explica o investigador, as rochas predominantes son as lousas, as cuarcitas e as calcarias, e en función da presenza dun ou outro destes minerais e dos desniveis do terreo, os ríos poden seguir distintas direccións e modelar e relevo de diferentes formas.

Outro aspecto que está sendo estudado no marco deste proxecto científico é a función que desempeñan as madeiras mortas nos ríos de montaña. «Os troncos e as ramas caídas non son simples desperdicios ou obstáculos para a práctica do barranquismo, porque axudan a crear sedimentos e novos hábitats, teñen un influxo moi importante e merecen que se lles preste moita máis atención», sinala. O papel destas madeiras na vida dos ríos e na xeodiversidade, di García, «foi investigado noutros países como Suíza, Francia ou Alemaña, pero aquí aínda falta moito por facer nese sentido».

Horacio García considera por outro lado que o estudo dos ríos con leito rochoso é fundamental á hora de deseñar e desenvolver plans de xestión específicos destes cursos de auga, «que é algo que non existe actualmente a pesar de que as súas características son moi diferentes das dos ríos de aluvión».

Prevención de riscos

Coñecer mellor o comportamento destes ríos, ao seu xuízo, axudará a previr os riscos asociados ás crecidas. «Pero tamén hai que deixar claro que as crecidas son un fenómeno natural moi necesario para a vida dos ríos —puntualiza Horacio García— e que os riscos derivados destes episodios non son algo que existe por si mesmo na natureza, senón que son creados polos humanos, por construír ou por situarse nos lugares indebidos».

García defende por outro lado a importancia de investigar os cursos de auga de montaña a fin de contar con información útil para desenvolver proxectos de restauración fluvial, un proceso que consiste en recuperar e conservar as boas condicións hidrolóxicas e xeomorfolóxicas dos ríos. «Manter os ríos en bo estado é moi importante para protexer a xeodiversidade dun territorio e sen xeodiversidade non pode haber biodiversidade», conclúe o investigador.