«Parecíame que era unha tolería dedicarme a isto, pero equivoqueime»

FOLGOSO DO COUREL

Lucía Seoane traballando no seu obradoiro, na localidade de Santa Eufemia
Lucía Seoane traballando no seu obradoiro, na localidade de Santa Eufemia CEDIDA

Lucía Seoane, que desde o 2019 fabrica e múltiples pezas con madeiras autóctonas do Courel, acaba de ingresar en Artesanía de Galicia

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Monforte e con raíces familiares no municipio de Folgoso do Courel, a artesá Lucía Seoane López acaba de ingresar na fundación pública Artesanía de Galicia. O seu obradoiro, instalado na localidade courelá de Santa Eufemia, é de creación recente, xa que iniciou a súa actividade no verán do 2019. Desde entón, e a pesar das dificultades causadas pola pandemia, xa conseguiu unha ampla notoriedade. As pezas que fabrica con diferentes tipos de madeira —garabullos, como lles chama ela— véndense en lugares tan distantes como Málaga, París ou Suecia.

—Como iniciou a súa carreira de artesá?

—Non teño ningunha formación profesional no traballo da madeira. Facía traballos manuais para pasar o tempo e nada máis. Fixen un ciclo de hostalería e cando terminei tiven que facer un proxecto no que se supuña que debía crear un restaurante no Courel. Por iso fixen unhas pezas en madeira para ese suposto restaurante e así comezou todo. Ao principio parecíame que era unha tolería dedicarme a isto, pero equivoqueime. Foi unha apoteose. Non paro de traballar, teño pedidos de moitísimos sitios e aínda estou nunha nube por ter entrado en Artesanía de Galicia.

—Non ten antecedentes familiares neste tipo de traballo?

—Teño algún antecedente pero non o cheguei a coñecer. Meu avó facía zocas, traballaba tamén con ferro, foi albanel... O que pasa é que a xente das aldeas sempre soubo facer de todo e iso é algo que segue estando moi presente na miña familia. Meu pai sempre está facendo cousas e dáme consellos e ideas para traballar na madeira. Miña nai tamén sabe facer moitas cousas. Creo que isto é algo que me vén de familia e que sigo un pouco esa tradición do rural, de facernos todo nós mesmos.

—Cantos tipos de pezas fabrica?

—Intento levar un control do que fago, pero non sabería dicir. Comecei facendo chaveiros e outras cousas sinxelas e regalándollas a xente que coñezo. Despois fun fabricando moitas outras cousas: fotos impresas, imáns, reloxos, marcapáxinas, soportes para corchos e botellas, caixas de moitos tipos... Sigo inventando pezas novas e tamén fago moitos traballos segundo o que me piden os clientes. De todo o que levo feito, non hai dúas pezas que fosen idénticas e isto paréceme que é un aspecto importante do meu traballo, que cada cousa que fago é algo único.

—Como fai para comercializar as súas pezas?

—Sobre todo por Internet. Iso é algo básico e moi necesario. Teño moita actividade nas redes sociais, teño perfís en todas partes, publico un blog e sempre estou en contacto con moita xente, explicando o que vou facendo no meu obradoiro. Os envíos fágoos só a través de Correos, porque é un servizo estatal que chega a todas partes. Iso é moi importante, porque no rural non temos os mellores servizos.

—Que tipo de madeira utiliza?

—Uso sobre todo madeiras autóctonas que se poden encontrar na zona onde vivo. Por exemplo, o brezo, que é moi habitual nos montes, e tamén salgueiro, bidueiro, freixo, cerdeira... Agora estou experimentando con madeira de vide, que non existe no Courel pero si na Ribeira Sacra que está moi cerca. Paréceme unha madeira impresionante polas formas que adopta cando a traballas, a súa cor, os seus cambios... A madeira é un mundo marabilloso e todas son distintas. Non paro de aprender e de descubrir cousas a medida que vou traballando.

«Non penso irme de Santa Eufemia, volvín aquí para quedarme»

Entre os proxectos que manexa Lucía Seoane figura o de abrir o seu obradoiro ás visitas turísticas cando o permita a situación sanitaria. «Tal como están as cousas, supoño que iso terá que quedar para o ano vén», comenta.

—Ten a intención de quedarse a vivir e traballar en Santa Eufemia?

—Non penso irme deste lugar, volvín aquí para quedarme. O que pretendo é ter en Santa Eufemia un obradoiro que poida acoller visitantes, unha oficina, unha sala de exposicións, unha tenda... Estou dándolle voltas a estas ideas, pero en todo caso quero quedarme aquí. Non penso instalarme en Folgoso nin en ningún outro sitio. Santa Eufemia é un lugar pequeno sen moitas cousas que ver e así polo menos haberá algo que visitar, porque o meu obradoiro vai estar sempre aquí. Igual non é fácil, pero por intentalo non vai quedar.

—As súas pezas non se venden en tendas especializadas en artesanía?

—Non, porque prefiro vendelas eu directamente. Paréceme moi importante o contacto directo cos clientes. Pero si que están na oficina de turismo do Courel e en varios negocios da zona, onde se venden como recordos aos visitantes. No Courel non hai moito comercio deste tipo e alégrome de que o que fago axude a potenciar o turismo.

—A súa empresa chámase Artesanía do Caurel, non Courel, que á forma oficial do nome. Por que motivo?

—Xa sei que a forma normativa é Courel e teño moitas discusións por iso, pero para min é Caurel con a, porque sempre oín dicilo así. Na miña familia e na xente que me rodea sempre o dixemos así. Todo ten un porqué, e uso esta forma por motivos persoais. E ademais creo que utilizar este nome é algo que lle dá un valor especial a este proxecto.