«A miña película estará dedicada ás mulleres da Serra do Courel»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Paula Fuentes estuda na Escola Superior de Cine de Cataluña
Paula Fuentes estuda na Escola Superior de Cine de Cataluña

A cineasta Paula Fuentes busca voluntarias locais para participar no seu segundo filme

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Folgoso do Courel e estudante da Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña, Paula Fuentes prepárase para rodar no seu municipio natal un filme -cunha duración a medio camiño entre a curtametraxe e a mediametraxe- que se titulará A muller morta e que estará baseado nun guión escrito por ela mesma. Para este proxecto busca a colaboración das veciñas do municipio. «Principalmente mulleres maiores, por ser máis representativas para a historia que quero contar, pero tamén querería que participasen mulleres máis novas», especifica. As interesadas poden contactar con ela a través do Concello, chamando ao teléfono 982 433 301.

-Que significado ten o título da película?

-É así como se lle chama tradicionalmente a unha montaña que está cerca de Folgoso e que se pode ver desde a miña casa. Titularase así porque a película estará dedicada ás mulleres da Serra do Courel e ese nome representa un pouco o vínculo entre as mulleres e o territorio.

-En que xénero se encadra o filme?

-É un híbrido entre documental e ficción, nun ton máis poético que documental. Por unha parte, hai unha historia ficticia que xira en torno ao personaxe dunha muller que dá a luz cando está camiñando polo monte. O parto mestúrase en certo modo coa paisaxe. As contraccións son representadas polo rumor das árbores, a muller rompe augas e de aí nace un río... Esta historia de ficción combinarase con voces en off de mulleres reais do Courel que falarán das súas propias vidas, do seu traballo, da maternidade, da súa relación coas súas propias nais... Ademais das voces, nalgúns casos tamén aparecerán no filme as propias mulleres. Xa teño varias voluntarias para participar neste proxecto, pero pretendo que na película aparezan máis e que todas teñan o seu lugar. O Concello está axudándonos a buscalas.

-Cando se vai levar a cabo a rodaxe?

-Será entre finais deste mes e principios de xuño. Eu virei un pouco antes comezarei a recoller as voces de mulleres pola miña conta durante os primeiros días e despois virá de Barcelona o resto do equipo que levará a cabo a filmación. Co equipo completo, a rodaxe farase durante catro días. As mulleres que participarán no proxecto non terán que vir a nós, senón ao contrario. Iremos nós ás súas casas e gravarémolas mentres fan o seu traballo de todos os días.

«Este é un lugar moi rico en moitos sentidos e quero devolverlle algo do que nos deu»

A rodaxe de A muller morta non será a primeira experiencia de Paula Fuentes como realizadora cinematográfica. No verán pasado xa gravou en Folgoso e Vilamor outro filme, titulado Un minuto de silencio, que aínda non está totalmente rematado. «A película xa está feita, pero aínda falta por montar a versión definitiva», explica.

-Ten pensado rodar máis películas no Courel?

-A miña intención é facer no Courel todo o que poida, de modo que si penso rodar máis filmes neste territorio. O Courel é un lugar moi rico en moitos sentidos e quero devolverlle algo do que nos deu. E ademais, a experiencia de rodar no Courel é algo moi especial que non ten nada que ver con rodar en grandes cidades como Barcelona.

-Como conseguiu o financiamento para realizar estes dous proxectos?

-Cunha convocatoria feita a través dunha páxina web. Na escola de cine onde estudo ensínannos a funcionar en equipos para realizar as nosas curtametraxes. Os filmes fináncianse con achegas económicas dos integrantes de cada equipo. Cada un pon 240 euros e se fai falta algo máis de diñeiro, encárgase de poñelo o propio director.