O berro que nace no Courel


Na procura de accións políticas que melloren a vida das persoas é urxente que os grupos políticos nos atopemos no diálogo, e inaceptable a presentación que lle facemos á cidadanía con problemas creados dende a propia administración. Tal é o caso da problemática causada, que non xurdida, no concurso do transporte escolar do municipio de Folgoso do Courel, ou o desaxuste horario que aínda está por corrixir na súa totalidade no CEIP Xoán de Requeixo de Chantada.

Ambas as dúas son «incidencias» de doada solución, tanto que tras termos presentado no Parlamento Galego unha iniciativa, no caso do centro chantadino procedeuse á rectificación parcial do problema, e no de Folgoso diante das alegacións da comunidade educativa, corporación local e partidos políticos da oposición no Parlamento galego decidiuse a paralización do prazo de presentación de ofertas.

O que resulta sorprendente e pon ante o espello ao outrora partido do rural o PP é o que está a acontecer en Folgoso do Courel. A corporación municipal presidida polo PP asina un acordo unánime que pide aplicar o sentido común e un concurso transparente, legal e equitativo respectuoso coa lei, mais tamén co deber de non danar a economía local á mantenta, nin dificultar o acceso a unha educación pública, gratuíta e universal con todos os servizos.

A competencia de transporte escolar é do Goberno galego e a unanimidade do Courel foi imposible de manter en Compostela para sacar adiante as iniciativas da oposición que pedían o mesmo que a corporación local en bloque, presidida polo Partido Popular. O mesmo Partido Popular que a nivel galego, alén de ningunear aos propios, aplica unha política de transporte escolar que, por non escoitar o que é un clamor, está a ser depredadora das vidas e das escolas do rural.

Confíen na comunidade local e na súa representación política, non se instalen no erro e na confrontación como sistema e procedan a facer o obvio, que é non crear problemas nun mundo no que xa a vida nos custa mantela. Rompan o lote27, artellen os mecanismos legais suficientes e adapten a lei ao territorio e ao tecido socioeconómico local e non ao revés.

Recoñezan o berro unánime que nace no Courel.

Por Rosa Ana Prieto Responsable comarcal BNG Lugo Sul

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O berro que nace no Courel