O Apalpador manda un saúdo desde a súa casa no Courel

Carlos Cortés
Carlos Cortes LA VOZ / MONFORTE

FOLGOSO DO COUREL

La Voz

Este ano non fará a súa tradicional saída do bosque no que vive, pero si visitará as casas dos nenos

01 ene 2021 . Actualizado a las 11:51 h.

 O Apalpador chega cada vez a máis lugares de Galicia, pero este é un ano especial e a este personaxe tradicional do Nadal tamén lle afectan as restriccións polo coronavirus. Nesta ocasión, o Apalpador decidiu suspender incluso a súa habitual saída da devesa da Rogueira, o bosque da Serra do Courel no que está a súa casa e do que baixa cada ano cando acaba o mes de decembro para visitar aos nenos, comprobar se comeron ben e deixarlles unhas poucas castañas ou outos agasallos.

O Apalpador acaba de difundir a través das redes sociais do Concello de Folgoso do Courel unha mensaxe en vídeo na que avisa que neste Nadal non fará a súa tradicional saída da Rogueira. "Este ano temos que gardar as distancias e non nos poderemos atopar aquí", conta nese vídeo, sentado xunto a un camiño perto do lugar de Moreda, ao pé da Devesa da Rogueira, o bosque máis famoso e visitado do Courel. Iso si, tamén conta que ten preparadas as castañas secas para repartilas polas casas e promete que na entrega terá coidado e gardará as distancias.

Na súa despedida, o Apalpador di ter confianza en que o 2021 será mellor que o 2020, e pídelle aos nenos que axuden a que sexa así: "Tede moito coidado e moito sentidiño para que todo vaia ben".