Un certame para fotografar no Courel os poemas de Uxío Novoneyra

A fundación que preserva o legado do escritor convoca por primeira vez un concurso fotográfico baseado na súa obra poética

O poeta Uxío Novoneyra fotografado no souto da súa aldea natal de Parada do Courel
O poeta Uxío Novoneyra fotografado no souto da súa aldea natal de Parada do Courel

A Fundación Uxío Novoneyra convocou a primeira edición dun certame de fotografía ao que se deben presentar imaxes inspiradas por textos do poeta do Courel. O concurso denomínase Fotografía dos Eidos - Federico García Cabezón, en homenaxe a un médico rural e fotógrafo, amigo e colaborador de Uxío Novoneyra, «que durante décadas fotografou as montañas e a vida dos últimos labregos do Courel», segundo explican os organizadores. As fotografías que se presenten ao certame deberán basearse en tres breves poemas do escritor —extraídos da súa obra máis célebre, Os eidos—, cada un dos cales define as tres categorías en que se divide o concurso.

A primeira categoría —denominada #Poema1— baséase no poema que reza: «E inda é nova a Terra!»; a segunda, #Poema2, ten por lema este texto: «Serra aberta / inmensa antiga erencia», e a terceira, #Poema3, dedícase a un poema que di: «Vaise vaise / o camiño d'aire do aire polo aire / camiñando por un sitio aonde nunca foi naide...». Desde a fundación sinalan que ao certame «poderán achegarse fotografías das xentes, dos lugares, das construcións, dos obxectos e da flora e da fauna, tomadas na Serra do Courel, que interpreten libremente un dos tres poemas». Os autores deberán acompañar cada foto cunha nota na que se indicará o número do poema en que está inspirada a imaxe e o lugar onde foi tomada a foto.

As bases establecen que cada participante poderá presentar ata tres fotos —unha por poema— que deberán ser orixinais, inéditas e non presentadas anteriormente a outros certames. Non se aceptarán fotomontaxes, colaxes e técnicas de pintura sobre as imaxes. O traballos deberán ser enviados en formato jpg ao correo electrónico arquivo@uxionovoneyra.com. O prazo de recepción das obras terminará ás 23.59 horas do 15 de novembro.

As fotografías que se presenten ao certame serán publicadas nas contas que ten a fundación en Facebook e Instagram. Os visitantes destes perfís poderán votar polas súas imaxes preferidas entre o 20 e o 29 de novembro. As seis fotografías de cada categoría que obteñan máis votos serán clasificadas como finalistas. As bases permiten que unha mesma persoa poida votar nas dúas redes sociais a máis dunha fotografía. Unha vez acabado este proceso, un xurado formado por tres persoas seleccionará entre todas as finalistas as tres obras que serán finalmente premiadas.

Premios, exposición e edición de postais

O autor da foto que gañe o primeiro premio recibirá unha cámara réflex Canon EOS 4000D, un libro e unha máscara personalizada con motivos da Fundación Uxío Novoneyra. O segundo premio consiste nun libro, unha máscara personalizada e unha cesta de produtos tradicionais do Courel. O terceiro premio será un libro e unha máscara personalizada. Haberá ademais un premio especial para participantes empadroados en Folgoso do Courel e nos outros municipios que forman parte da serra, que consistirá en un lote de libros, un exemplar do disco Uxía-o —da cantante Uxía Senlle— e unha máscara personalizada. Para optar a este último premio será preciso presentar un certificado de empadroamento.

Por outro lado, as fotografías que sexan escollidas como finalistas nas votacións realizadas nas redes sociais participarán nunha exposición que levará por título «Fotografía dos Eidos». As obras premiadas aparecerán nunha serie de postais que editará a fundación, facendo constar o nome do autor de cada imaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un certame para fotografar no Courel os poemas de Uxío Novoneyra