«Os tres concellos do Xeoparque deben traballar xuntos»

O arqueólogo Iván Álvarez instrúe aos xóvenes do campo de traballo no castro da Torre no Courel

c. c.
monforte / la voz

Iván Álvarez Merayo é un dos membros do comité científico do Xeoparque Montañas do Courel, o organismo que deseña as estratexias de divulgación do patrimonio da serra, entre outras cousas. O pasado 22 de xullo comezou o campo de traballo xuvenil de Folgoso do Courel do que Álvarez é un dos coordinadores. Vinte xóvenes de 18 a 30 anos encárganse de acondicionar o castro da Torre, no lugar de Sobredo.

-En que ano empezou a recuperarse o castro da Torre?

-As excavacións comezaron no 1993. Este campo de traballo enmárcase na terceira campaña de acondicionamento do castro, que xa fora escenario de voluntariados anteriores. Estes traballos son fundamentais para o seu mantemento e con cada intervención ten mellor aspecto.

-En que consiste o campo de traballo?

-O campo céntrase na limpeza dos muros do castro, moi afectados pola maleza. Ese é o principal cometido dos voluntarios. Despois vén o tempo para a diversión con obradoiros e deportes como kayak ou canoa. Este voluntariado é tamén unha experiencia fraternal.

-Que vantaxes e que inconvenientes supón traballar con persoas non expertas?

-Non hai ningún problema. Os rapaces son moi simpáticos e fan xenial o seu traballo, que é contribuir á conservación do noso patrimonio.

-Algúns dos xóvenes que participan no voluntariado veñen doutros puntos de España.

-Si, este ano veu xente de Euskadi, Cataluña, Andalucía ou Valencia. Algúns deles xa participaron anteriormente en experiencias similares.

-Que outros bens patrimoniais necesitan unha intervención no Courel?

-Non creo que haxa que centrarse nun lugar en concreto, senón loitar conxuntamente dende Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, os tres concellos do Xeoparque. Debemos revisar os monumentos e investir nos que o necesitan e tamén coidar os recursos humanos. Hai que traballar por unha imaxe común e en favor do noso patrimonio cultural, histórico e xeolóxico.

-O pasado 11 de xullo, un grupo de espeleólogos chegou ata unha nova galería na Buraca das Choias na súa última prospeción. Que valor ten este descubrimento para o Xeoparque?

-Todo labor de investigación científica no noso territorio, máis se renden froitos, paréceme unha estupenda noticia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Os tres concellos do Xeoparque deben traballar xuntos»