«Son dos primeiros en falar do 'procès' nunha novela»

Natural do Courel e residente desde hai décadas en Barcelona, Antonio Marzabal acaba de publicar o libro «Plomo sin balas»


quiroga / la voz

Natural do municipio de Folgoso do Courel e residente en Cataluña desde hai décadas, Antonio Marzabal acaba de publicar a súa segunda novela, Plomo sin balas. A primeira, baixo o título No me llames pobre, llámame rico, apareceu hai arredor de catro anos. A nova obra está ambientada na Barcelona da época actual.

-¿Que o que conta «Plomo sin balas»?

-É unha visión do que está sucedendo hoxe en día na cidade onde vivo desde hai moitos anos. Ten un enfoque valleinclanesco, de esperpento, porque creo que todo o que está sucedendo co chamado «procès» non se pode abordar doutra maneira. É unha situación esperpéntica e burlesca, de esquizofrenia total. Entre os personaxes da novela hai xente de diversas camadas sociais, hai xente que vive moi mal, ao límite, e tamén hai xente da elite.

-¿En que medida é novidoso falar desta situación desde un punto de vista de ficción?

-Penso que debo de ser dos primeiros en falar a través dunha novela da situación que se está vivindo agora mesmo debido ao «procès». Publicáronse moitos ensaios, estudos e testemuños de todo tipo, de políticos, de periodistas.... Pero no mundo da novela isto non ten de momento tanta presenza. Creo que a miña novela pode ser a primeira que enfoca esta situación desde unha perspectiva burlesca. O libro é tamén unha crítica do odio e da exclusión e unha defensa do amor. Pretende ser optimista e propio título expresa o meu desexo de que a situación se reconduza e que as cousas non vaian a peor. Querería manifestar tamén o punto de vista da xente que non está a favor da independencia. Estas persoas teñen unhas razóns e uns argumentos que habería que ter en conta en vez de limitarse a descualificalas chamándolles fachas.

-¿Serviulle de moito a súa experiencia de tantos anos como veciño de Barcelona para contar esta historia?

-O libro fala moito da Barcelona que eu coñecín e que segue existindo a pesar de todo o que está pasando na actualidade. Refírome a unha Barcelona aberta a todo o mundo, unha casa na que non se lle pecha a porta a ninguén, veña de onde veña. Esta Barcelona non desapareceu porque a cidade é demasiado grande e demasiado diversa para pode ser controlada polos que están promovendo o «procès». Por iso quererían que fose máis pequena e provinciana e que resultase máis fácil de manexar, algo así como Xirona.

-¿Non pensou en escribir unha novela ambientada na súa terra natal?

-Xa escribín unha novela que sucede no Courel, pero teño que refacela para reducirlle a extensión, porque é demasiado longa. Teño tamén un problema porque me gustaría publicala en galego e aínda non encontrei alguén que me axude a traducila. Eu son galegofalante, pero levo toda a vida vivindo fóra de Galicia e non teño suficiente coñecemento do galego literario para facelo eu mesmo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Son dos primeiros en falar do 'procès' nunha novela»