As primeiras fotos do Apalpador saíndo da súa auténtica casa

La Voz

FOLGOSO DO COUREL

GUILLERMO DÍAZ AIRA

Este ano foi posible ver por primeira vez na Devesa da Rogueira ao protagonista dos vellos contos galegos de Nadal

01 ene 2018 . Actualizado a las 18:13 h.

Esta foto que ven por riba destas liñas é a primeira que se publica do Apalpador saíndo da súa casa na Devesa da Rogueira para visitar aos nenos e deixarlles agasallos. O protagonista dos vellos contos galegos de Nadal baixou o día 30 pola tarde do bosque máis coñecido do Courel.

Os contos sobre o Apalpador, praticamente perdidos ata a súa recuperación hai nove anos, situaban na Serra do Courel a morada mítica desta perxonaxe do Nadal tradicional galego. A pesar diso, no Courel non se organizara aínda ningunha saída do Apalpador. O Concello de Folgoso do Courel e a asociación cultural Fonte do Milagro decidiron que xa era hora de pórlle remedio e preparar a primeira. E pensaron en facela na Rogueira, o bosque máis visitado do Courel, algo así como o equivalente galego de Laponia para o internacional Papá Noel.

Así que ás cinco da tarde do día 30 o Apalpador saiu camiñando entre os árbores xunto á aula da natureza de Moreda, no principal acceso á Devesa da Rogueira, Ía ataviado coa súas humildes roupas de carboeiro  e levaba un cesto coas castañas que todos os anos lles agasalla aos nenos. Agardábamo medio cento de veciños, entre eles moitos nenos, que o acompañaron a unha festa da aldea de Moreda. 

Ao fío desta primeira saída pública do Apalpador na Devesa da Rogueira, a concelleira de Cultura de Folgoso do Courel, Mari Carmen Vergara, contaba hai uns días a este diario que «moita xente dicía que nos últimos anos o Apalpador está visitando moitos outros lugares de Galicia pero que nunca vén ao Courel, que é precisamente de onde saíu».