Un verán destapando vellos tesouros

La Voz

FOLGOSO DO COUREL

Participantes nun campamento xuvenil desbrozan un importante castro no Courel

31 jul 2016 . Actualizado a las 10:22 h.

Un dos principais xacementos arqueolóxicos da Serra do Courel loce este ano tan limpo como cando rematou a súa restauración integral no ano 1993. Polo castro da Torre acaba de pasar unha moi peculiar brigada de traballo que o liberou da maleza que levaba anos medrando sobre os restos das súas casas de orixe romana. Os operarios non eran tal, senón rapaces participantes nun campamento de verán con base no albergue de Folgoso. Supervisábaos Iván Álvarez Merayo, arqueólogo e á súa vez fillo do falecido arqueólogo Antonio Álvarez, o profesional que dirixiu hai 23 anos a rehabilitación deste antigo asentamento.

O traballo de limpeza do castro formaba parte da programación dun campamento de verán que organiza a empresa ourensá Ocitem no albergue de Folgoso do Courel, con financiamento da Xunta. Doce rapaces de entre 18 e 25 participaron no campamento durante a primeira quincena de xullo. O traballo no castro ocupounos durante unha semana.

Os voluntarios, entre os que había algúns galegos, pero tamén valencianos, rioxanos, canarios e italianos, liberaron todo o castro de maleza. Entre eles non había ningún estudante de arqueoloxía, pero o traballo tampouco requiría tanta especialización. «En realidade, non é nada complexo ?explica Iván Álvarez Merayo?, porque se trata unicamente de quitar vexetación cortando a rentes». Os voluntarios só tiñan que ter conta de evitar arrincar raíces ou danar as pedras cos sachos, fouces e machados que lles deron para que traballasen.