E o caleiro ardeu.... 60 anos despois

carlos cortés texto

FOLGOSO DO COUREL

La Voz

Acenden no Courel un dos antigos fornos nos que se elaborada cal

07 jun 2015 . Actualizado a las 21:58 h.

Luis Fernández Fernández tiña 16 anos cando viu ao seu pai acender por última vez o caleiro. Onte tirou de memoria e dos seus 82 anos para baixar a aquel mesmo forno. Repetiu a operación tal como a fixera seu pai. E tal como como se facía habitualmente no Courel, ata que deixou de compensar facer así o cal en vez de mercar o que viña das fábricas. Empezou ás dez e media da mañá e en menos dunha hora o pozo estaba xa cargado de pedra e madeira e empezaba a fumegar. É a primeira vez en sesenta anos que alguén pon a funcionar un dos moitos caleiros tradicionais que aínda quedan no municipio de Folgoso do Courel.

«Facémolo por recuperar un dos nosos oficios tradicionais», explicaba onte Evaristo Méndez, que é o presidente de Fonte do Milagre, a asociación cultural que organiza dende hai seis anos en Vilamor unha festa de encontro dos artesáns e artistas que traballan na serra. Esta vez decidiron abrir o encontro co acendido do que os veciños desta parroquia chaman o Caleiro da Torre. Construído con pedra nun souto situado nunha ladeira a catrocentos metros da aldea, este forno ten un pozo de 2,80 metros de altura. E consérvase en perfectas condicións.

«Non fixo falta reconstruír nada», explica Pedro Álvarez, o dono do souto e tamén do caleiro. Só tiveron que limpar a vexetación que medrara dentro e sacar a terra e as pedras que ocupaban a metade baixa do pozo. Os veciños e a asociación fixeron a limpeza hai tres semanas e colocaron un letreiro que identifica o caleiro para os visitantes.

Pedro Álvarez tamén recorda a última vez que se cocera cal nel. Igual que Luis Fernández, co que fai bromas sobre a posibilidade de que finalmente non arda e haxa que sacar a man toda esa morea de pedras e combustible vexetal colocadas para a demostración de onte. Pero non hai problema, porque arde. E seguirá ardendo polo menos ata esta tarde, o tempo preciso para que as pedras se desfaga e se convertan en cal.

«Era un material de moi boa calidade, que daba para facer diferentes tipos de morteiro», contaba onte xunto ao lume do caleiro a arquitecta Teresa Gómez. Vive en Pontevedra e non ten familia no Courel, pero tiña curiosidade por ver funcionar o primeiro forno artesanal de cal que se pon a producir en décadas en Galicia.

Mentres Luis Fernández remexe no lume co mango dun angazo para darlle forza, ao seu redor outros veciños explícanlles aos visitantes chegados de fóra que o cal que se facía nestes fornos non era como o que se fabrica hoxe. Era máis escuro porque saía mesturado co carbón da madeira queimada. «Contan que se se traballaba con moito coidado podíase sacar unha primeira capa máis clara», explicaba Pepe Chousa. Pepe é Froxán, pero non ten idade para saber todo isto de primeira man. Sábeo porque llo contaron os maiores. Os poucos maiores que quedaban que sabían acender un caleiro. Ata agora, porque desde onte xa hai outros que saben.