Unha casa feita museo para a madeira do Courel

O artesán Urbano Arza abre en Folgoso unha casa-exposición permanente


monforte / la voz

Urbano Arza fixo de todo, ata que atopou algo máxico na madeira. Primeiro converteuse en carpinteiro e despois acabou chegando á escultura. Este veciño do Courel levaba anos teimando en abrir un local no que poder expoñer as súas obras. Acaba de abrilo, Trátase dunha casa enteira, con acabados en madeira tan rechamantes que se pode dicir que o propio edificio forma parte da exposición.

O seu propietario chámalle Madeiroteca Máxica e Poética a este museo da madeira que acaba de abrir na localidade de Folgoso do Courel. Os seus amigos da asociación cultural Fonte do Milagro cren que «a propia construción é unha obra de arte». Eles contan que Urbano Arza chegou á escultora polo seu carácter inquedo. «Quixo ir máis aló e facer cousas diferentes», explica Evaristo Méndez.

Portas, mobles e ventás

Despois de anos traballando como carpinteiro e facendo portas, ventás e todo tipo de mobles, o falecemento da súa muller supuxo un cambio importante para el. «Decatouse que a madeira tiña un sentido especial e que el podía descubir o que se agocha dentro de calquera taboa, do tipo que sexa», apunta Méndez.

Foi daquela cando empezou a esculpir. Primeiro probou coas tallas de formas xeométricas e a experimentación co torno, mesturando calquera das variedades de madeira que é posible atopar no Courel. A súa habilidade coas gubias fíxoo aprender rápido. Axiña se fixo cun abundante fondo de pezas, entre as que destacan os bustos e as que representan mans.

Co obxectivo de facerse cun local axeitado para expoñelas ao público, este artesán autodidacta da madeira decidiu poñerse a restaurar unha casa vella cos oitenta anos xa cumpridos. Catro anos despois, o traballo está xa rematado e o museo da madeira de Urbano Arza xa expón en Folgoso do Courel una selección dos seus anos de incansable procura da maxia que agocha a madeira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

Unha casa feita museo para a madeira do Courel