O Courel abre camiño á súa primeira ruta de barranquismo

Operarios do Concello recuperan unha senda abandonada desde os anos 50


quiroga / la voz

O Concello de Folgoso do Courel puxo en marcha un proxecto cuxa finalidade é crear a primeira ruta estable de barranquismo do municipio, un itinerario que comprenderá a fervenza do Campo do Seixo, considerada como unha das máis altas de Galicia, con cerca de 150 metros de caída. Desde hai algún tempo, operarios municipais traballan coa finalidade de abrir un camiño que permita aos barranquistas chegar ao arroio de Carballido, onde se encontran esta paraxe e outros saltos de auga de especial interese para este modalidade de deporte de aventura. A iniciativa lévase a cabo en colaboración co clube lucense de espeleoloxía e barranquismo Rei Cintolo.

A tenente de alcalde Carmen Vergara sinala que o labor non resulta nada fácil, xa que para chegar a estes lugares hai que pasar por unha zona particularmente abrupta e cuberta de uces moi espesas e de grande tamaño. Por este motivo, o traballo avanza pouco a pouco, pero os responsables municipais esperan que o camiño poida quedar aberto para o próximo setembro, cando comece unha temporada máis interesante que o verán para a prática do barranquismo.

Por agora, as tarefas de desbravamento están a levarse a cabo seguindo o trazo dun vello camiño utilizado en tempos para acceder a algúns campos de centeo que existían na zona. Esta vereda deixou de ser utilizada na década dos cincuenta, pero aínda é recoñecible en parte sobre o terreo e hai veciños que lembran por onde discorría. «O problema é que máis adiante hai que meterse nunha zona virxe onde non se sabe que houbese un camiño e aí haberá que abrir unha senda nova», sinala Vergara. Para operar nesa zona será necesario solicitar autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

O goberno local espera tamén que esta ruta permita aos visitantes -non só aos afeccionados ao barranquismo- chegar ata o pé da fervenza do Campo do Seixo, que actualmente non pode ser vista na súa totalidade desde ningún punto situado nos arredores. «Aínda non sabemos se se poderá chegar ata aí nin se desde ese sitio se verá toda a fervenza, pero cando menos imos intentalo», di a concelleira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

O Courel abre camiño á súa primeira ruta de barranquismo