Nos últimos meses tomei algo con políticos de Chantada, unhas veces en encontros concertados e outras por casualidade: con Manuel Diéguez «Penela», tenente de alcalde do PP; Javier Medela, ex-secretario xeral do PP; Elena Fernández, concelleira de Por Chantada-IGV; Iago Suárez, deputado autonómico e candidato á alcaldía polo BNG; Fernando Varela, exconcelleiro do BNG; Raquel López, exvoceira do PSOE, ou Jaime Losada, secretario xeral do PSOE. Falamos de política, discrepamos e mesmo atopamos coincidencias. A distancia entre as nosas ideas non impediu escoitarnos con respecto e, polo menos no meu caso, desfrutar da conversa. Debería resultar o normal mais, no clima político actual, xa non sempre o é.
A morte de Xosé Manuel Beiras fíxome pensar nesas conversas. Os seus debates con Fraga podían ser durísimos: discrepaban no esencial e non o disimulaban. Porén, tamén mantiñan debates distendidos fóra do Parlamento mesmo arredor dunhas cuncas de viño. Eran rivais políticos, non inimigos. O respecto non lles pedía renunciar a nada; permitíalles recoñecer que enfronte había unha persoa coa que se podía dialogar.
Cando Beiras golpeou un escano cun zapato, deixou unha imaxe para a historia: a da forza coa que defendía as súas conviccións. Esa paixón convivía coa capacidade de dialogar e con xestos de solidariedade que exemplificou o alcalde de Vigo nunha entrevista tras o pasamento de Beiras, cando contou como este último puxo cartos do seu peto para axudarlle a pagar a fianza (de Abel Caballero) cando o detiveron durante o franquismo. Hoxe, en cambio, demasiados debates xa nin merecen ese nome. Faltan argumentos, respecto por quen discrepa e vontade de escoitar. E sen iso, non hai diálogo posible.
Nos últimos anos e no contexto da globalización (económica e tamén cultural) fálase moito de voltar a construír dende o local un futuro mellor. Quizais debamos comezar por algo que nas vilas aínda temos ao alcance: falar con quen pensa e representa algo distinto. Non idealizo a política local; nela tamén hai rancores e insultos. Precisamente por iso importa defender cada mesa á que podemos sentar sen estar de acordo.
Nunha vila, quen pensa distinto seguirá aí mañá: na praza, no supermercado ou tomando un viño na mesa do lado. Non podemos bloquear a media veciñanza como se fose unha conta de Twitter. Nin deberiamos querer facelo. Podemos combater as súas ideas sen expulsalo da conversa. Cando o adversario deixa de ser un interlocutor para converterse nun inimigo, a democracia comeza a esfarelarse. E a palabra, a capacidade de comunicación que nos fai humanos, queda reducida a munición nun mundo que cada vez máis semella un campo de batalla que vai dende os escanos ata as barras de bar ou as sobremesas familiares.