O auditorio municipal acollerá o próximo día 9 unha xornada de divulgación que comprenderá sesións nun planetario portátil
06 oct 2026 . Actualizado a las 11:43 h.O auditorio municipal de Chantada acollerá o próximo día 9 a xornada divulgativa «Ceo no Camiño», que —segundo indican desde o Concello—, «une os camiños de Santiago e os ceos Starlight». A iniciativa forma parte das actividades astroturísticas municipais e será financiada polo programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta. A actividade é organizada pola produtora audivosual Luzlux e «convida ao público a mirar Chantada desde outra perspectiva, a dos seus ceos, os seus solpores e noites», apuntan os responsables municipais.
As actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a todo tipo de público, comezarán ás 18.00 horas coa apertura dunha exposición fotográfica. A partir das 18.30 presentarase o proxecto «Ceo no Camiño», proxectarase unha curtametraxe documental e ofrecerase unha charla divulgativa sobre os ceos nocturnos de Galicia. Ás 19.0 ofreceranse unha visita guiada á exposición fotográfica, unha experiencia con gafas de realidade virtual e unha sesión nun planetario portátil. A partir das 20.30 a exposición poderá visitarse libremente e a xornada rematará ás nove da noite.
O alcalde Manuel Varela animou a participar nesta xornada sinalada que vincula «dous recursos turísticos fundamentais de Chantada, as paisaxes máis fermosas do Camiño de Inverno e calidade dos nosos ceos que nos deron a condición de municipio Starlight».
O Concello de Chantada recibiu en abril do 2025 a certificación oficial da Fundación Starlight, que acredita ao municipio como un territorio especialmente axeitado para a observación do firmamento polo seu baixo nivel de contaminación lumínica.