Non é país para vellos (nin para novos)

Eva R. Argiz XORNALISTA

CHANTADA

Javier Lizon | EFE

Segundo o INE, en España hai máis de 618.000 mulleres chamadas María Carmen. Todas coñecemos varias. Mais agora Maricarmen é unha para todo o Estado.

As imaxes do seu desafiuzamento non saen da miña cabeza. A noite do desafiuzamento apenas conseguín durmir. Dándolle voltas ao miolo, penso: por que esta señora non pode empregar o ático comprado polo Goberno de Ayuso? Por que a ministra de Vivenda non se atou á porta, entre os antidisturbios e Maricarmen? Onde están os puristas da Constitución para velar polo seu artigo 47? Ocórrenseme tantas preguntas como respostas non atopo. Se o penso en quente, non entendo nada. Se o penso en frío, tampouco.

O drama vai máis alá. Coñecemos a historia de Olga: suicidouse o 7 de setembro, cinco meses despois de ser desafiuzada en L’Hospitalet. Non hai imaxes do seu final e quizais por iso, na época da morbosidade visual, apenas se fala dela.

Maricarmen, Olga e tantas outras persoas quedaron sen unha vivenda digna. Outras perderana, mentres fondos voitre, bancos e grandes propietarios converten os fogares en bens especulativos. Quedar sen casa é un problema de quen algunha vez tivo unha. É un problema que non temos os máis novos: como xa non podemos ter unha, non podemos perdela.

Anciáns desafiuzados, traballadores obrigados a abandonar os seus fogares porque non poden pagalos e mozos condenados a vivir cos pais, compartir piso máis alá da universidade ou chegar a fin de mes con dúas cifras na conta. A xeración de cristal, din. Pois si, porque dende logo cemento sobre o que asentarnos non temos.

E, mentres, vilas en risco de despoboamento convértense en parques de atraccións. Os alugueiros das poucas vivendas dispoñibles súmanse á bola de neve das subas, impulsadas polo turismo e polo «se todos o soben, eu non vou ser o parvo que non o faga». Pois, spoiler, es parvo. As bolas de neve fúndense e as burbullas estoupan. Cando iso pase, teremos vilas máis baleiras e menos Olgas e Maricarmens.

Porque que un piso en Madrid custe 2.600€ ao mes non é normal. Pero 600€ en Chantada, tampouco. Ás veces son os fondos voitre os que marcan ese abuso. Outras veces somos nós, unha sociedade carroñeira que tamén cheira a morte do artigo 47 da Constitución. Haberá que volver escribilo: de esquerda a dereita, e de dereita a esquerda.