O cuarto festival feminista Polas Bravas de Chantada comprende dez concertos

La Voz CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

A cantante Silvia Penide forma parte do cartel do festival Polas Bravas
A cantante Silvia Penide forma parte do cartel do festival Polas Bravas

As actividades desenvolveranse durante o venres e o sábado en diferentes espazos da localidade

05 jun 2026 . Actualizado a las 10:39 h.

A cuarta edición do festival Polas Bravas, que se celebra en Chantada o venres e o sábado, comprende un total de 15 actividades —entre elas unha decena de actuacións musicais—, todas de carácter gratuíto. A organización corre a cargo da asociación feminista Polamiúda, que conta coa colaboración do Concello, a Deputación lucense e diversas empresas locais. As responsables sinalan que o programa do festival, o primeiro do seu xénero na provincia, abrangue «propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas».

As actividades da primeira xornada serán presentadas pola actriz Arantza Villar, da compañía Chévere. A continuación detállanse as citas do festival: 

Venres

21.00 horas. As actividades comezarán na praza da Paz cun recital poético da escritora viguesa Silvia Penas. 

22.00 horas. A segunda cita será un concerto da cantante coruñesa Silvia Penide. 

23.00 horas. A primeira xornada rematará cunha actuación musical da artista Ruth Conde, coñecida como Ningún DJ, activista pola causa palestina e integrante da organización Médicos sen Fronteiras. 

Sábado

12.00 horas. O programa da segunda xornada iniciarase no parque Eloísa Rivadulla —que albergará todas as actividades da mañá e a primeira da tarde— cunha actuación do coro infantil Cantando na Escola. 

12.15 horas. A seguinte actividade será o espectáculo circense C'est pas possible, da compañía Sempre Arriba, dirixida por Marta Iglesias. 

13.00 horas. Actuará o Coro de Mulleres Bravas, formado expresamente para este festival, con integrantes de tres xeracións. 

13.30 horas. A sesión vermú correrá a cargo do colectivo de picadiscos Chapamama. 

16.00 horas. As actividades da tarde comezarán co Festival Ambulante La Nuestra, que comprenderá unha charla da escritora e xornalista Cristina Fallarás sobre «o papel do movemento testemuñal na visibilización das violencias machistas», segundo explican desde a asociación organizadora. 

18.30 horas. O auditorio municipal acollerá a conferencia escénica Queixa [Roma ou morte], da escritora Brigitte Vasallo. O espectáculo é dirixido por Gena Baamonde. 

20.30 horas. No parque Eloísa Rivadulla comezará unha serie de actuacións musicais, a primeira das cales será do grupo local Rascals. 

21.00 horas. O segundo concerto correrá a cargo do dúo Abril, formado pola cantante Claudia Abril e a violinista Marina Carpente. 

22.10 horas. A seguinte actuación será da cantante e compositora viguesa Nadie González. 

23.15 horas. Concerto do dúo de pop electrónico Aamigafea, composto polas irmás Estefa e Vanesa Cortés. 

00.30 horas. A última actuación do festival correrá a cargo de Señora DJ.