O produtor e DJ que creou os dous temas que máis soaron en Galicia nos pasados veráns, prepara novo proxecto: a electrofoliada
22 may 2026 . Actualizado a las 11:39 h.Con Muiñeira de Chantada, primeiro, e Micaela, despois, rebentou os torreiros e as pistas de baile. Pero Kike Varela (Santiago, 1996) transcende con moito de ser un creador de hits. Como produtor, curtiuse tecnicamente no techno e no progressive internacional antes de fixar a súa ollada nos ritmos e na instrumentación da tradición galega. Da confluencia deses dous ámbitos xorde unha proposta moi persoal que se configurou como referencial non só para o público senón para os artistas galegos, que atoparon nel un aliado tan inesperado como frutífero. A súa inquedanza levouno agora a enriquecer o seu formato de DJ coa presenza no escenario do gaiteiro Puga, nun proxecto que bautizaron como Electrofoliada. Un formato que estreará o sábado 23 no festival Hórreo Vivo, en Araño (Rianxo).
—Como xorde este proxecto?
—O ano pasado, na miña actuación no Gaiás, saíu Puga a tocar a gaita en Muiñeira de Chantada e foi un dos momentos máis especiais da noite. A raíz diso ocorréuseme que podía estar ben facer algo xuntos, comenteillo e dixo que para diante. Aínda estamos configurando o que queremos facer, pero este verán xa probaremos a facer algúns concertos xuntos.
—Gravarán algo tamén?
—Non baixo o nome de Electrofoliada, pero, por exemplo, no meu tema novo, Obradoiro, a gaita xa é de Puga. E de cara ao verán si sacaremos algunha cousiña xuntos.
—Existe xa un selo Kike Varela?
—O outro día, cando saíu Obradoiro, dicíanme: «En canto rompe o tema, soa a ti». Que non faga falta que a xente saiba que un tema é teu, que simplemente con escoitalo digan que é de Kike Varela é do que máis orgulloso estou como artista.
—Os músicos galegos trátano como un artista máis. É a primeira vez que un produtor acada este estatus na escena galega.
—A verdade é que me sinto superarroupado por eles. Deuse un gran paso adiante no recoñecemento dos produtores. Aínda así, para o público xeral é unha figura que aínda non está suficientemente valorada. Hai casos, como Yuly, produtor de moitos dos temas desta nova escena urbana, ou Peter Petrowski, que deberían estar moito máis arriba a nivel de recoñecemento.
—Bótanse de menos máis mulleres produtoras e DJ. A que cre que se debe?
—DJ si que hai algunha, pero é certo que en Galicia hai moi poucas mulleres produtoras. É unha pena. Obviamente, a min gustaríame que houbese máis e a todas as que dean o paso intentarei acollelas e apoialas. Eu supoño que é unha carencia que ten que ver co feito de que non haxa referentes. Pero é unha carioca que se morde a cola. Se non hai referentes non van saír produtoras e se non saen produtoras non van ter referentes. Oxalá algunha chegue pronto a un nivel alto e sirva de referencia para que moitas outras se animen.
—Cando dentro duns anos se fale deste período musical, quen cre que van estar citados como puntais deste fenómeno?
—Hai grupos que levan loitando pola música en galego 20 ou 30 anos e é un pouco inxusto que só queden como referencias os actuais. Pero no meu caso, os primeiros artistas que para min foron unha referencia son Baiuca, sobre todo, Verto e Ortiga. E tamén Tanxugueiras porque demostraron que facendo música en galego pódese chegar a calquera parte.
—E isto veu para quedar?
—Penso que si. Eu noto que hai unha escena e unha industria musical galega cada vez máis forte, con máis artistas en todos os xéneros, e que case todos os concellos teñen o seu festival ou o seu evento onde se programa música en galego. Non sei ata que punto pode ser unha burbulla, pero polo de agora, cada vez vai a máis e creo que a maioría de grupos que hoxe están asentados van a ter oco no futuro.
—Cal é o papel que pode xogar a música na promoción da lingua galega? Porque como dicía Mondra nestas páxinas, non deixa de ser paradoxal que todo isto que está pasando coa música galega estea ocorrendo nun momento no que a lingua non está no seu mellor momento
—Eu creo que o importante é normalizar o uso do galego. Cantas máis situacións teñas no día a día nas que esteas en contacto co galego, vaite axudar a estar máis familiarizado con el e a falalo. No caso da música, especialmente no urbano, estamos a ver como moitísima xente moza que fala castelán está escoitando a artistas que cantan na nosa lingua porque lles mola. E ao final, iso pode serlles unha porta de entrada ao galego.
—Ata que punto foi determinante a utilización da lingua galega na súa proxección?
—Está claro que o galego é un dos meus puntos diferenciais a nivel artístico. Eu nutrinme moito, cando facía música en inglés, de competir nun nivel altísimo e facer que a miña música tivera moita calidade a nivel de son. Ten en conta que eu estáballe mandando os meus temas aos selos de Hardwell, de Armin Van Buuren, de Don Diablo... E claro, aí estaba competindo a nivel internacional con xente moi top. E xusto cando xa estaba case a punto de asinar por eses selos internacionais, decidín empezar a facer música en galego, porque estaba xa un pouco saturado do que estaba facendo. E creo que ese nivel técnico que conseguira antes sumado a que empezara a facer música en galego mesturando o EDM coa música tradicional, permitiume dar cun nicho que a xente demandaba, pero que non estaba explotado.
—Se escoita agora as súas primeiras mesturas ou as súas primeiras producións e as compara co seu son actual, cales diría que son os elementos que revelan a súa madurez, a súa evolución?
—Eu, antes, case todo o que facía era progressive house. Inspirábame no que facían Avicii ou Swedish House Mafia. E cando empecei a mesturalo coa música tradicional galega, abrinme un pouco máis e saín desa zona de confort, que era facer algo parecido ao que estaban facendo outros, para crear algo diferente e novo.
—Cara onde camiña agora a identidade musical de Kike Varela?
—Teño moitas inquietudes. Incluso dentro da música electrónica non me gusta encasillarme e facer sempre o mesmo tipo de son. Agora estou centrado no proxecto Electrofoliada, pero tamén probarei a facer outras cousas diferentes, como un par de remixes con artistas de urbano galego, que quizá non é o meu son máis característico pero precisamente por iso quero probalo.
—Vostede que foi o autor das cancións galegas do verán do 24 e do 25, cal cre que vai ser o «hype» deste ano?
—[Ri] Eu son consciente de que non todos os anos vou sacar o número un. Aínda que, obviamente, sempre o intento. Eu creo que as figuras deste ano son toda esa nova fornada de música urbana galega. Calquera canción de 9Louro ou Esta vida pide outra, de Kid Mount, van ser os temas que máis soen.
—Ademais deses nomes, a quen nos recomenda seguirlle a pista?
—Gústame moito Xosé Maseda, que vai sacar pronto música nova e penso que vai medrar moito. Tamén a Lil Sam e a Silee hai que telos en conta. E indo a outros xéneros, Eris Mackenzie é un artista que me mola moito.
—Varios deses artistas teñen abordado a cuestión da saúde mental, que tamén é un problema frecuente no ámbito dos DJs. Como leva vostede ese tema?
—Eu penso que o levo bastante ben. Eu son unha persoa bastante autocrítica e cousas que me poderían afectar, se cadra non me afectan tanto como a outras persoas. Pero si que sendo un artista e unha persoa pública é moi complicado saber levar todo isto, porque ao final estás sempre sometido a estímulos constantes de xente que che di que lle mola o que fas, doutra que non, se sacas un tema estás sempre pendente das reproducións... Todo iso é moi difícil de xestionar. Eu intento manter os pés no chan e poñer as cousas en perspectiva. Pensar que si, que saquei Micaela e tivo un millón de reproducións o primeiro mes en Spotify, pero que iso non é o normal. Que xa se consigo 40.000 ou 50.000, son numerazos. Que é o que están facendo xente moi consolidada na escena galega. Por iso creo que o tema da saúde mental lévoo bastante ben. Pero, dende logo, no caso de que sentira que me empezaba a xerar problemas, o primeiro que faría é pedir axuda e poñerme en mans dun profesional.
—Que consello lle daría ao Kike que empezaba?
—Eu estou bastante contento con todo o que fixen, pero diríalle que desfrutara do proceso. Porque, por exemplo, nestas últimas semanas, nomeáronme aos premios Martín Códax pero xa estaba pensando en que ía tocar na Quintana. E cando estaba na Quintana xa estaba pensando en que tiña que presentar o de Electrofoliada... É como que cando che pasa algo bo xa estás pensando no seguinte. E penso que debería desfrutar máis dos momentos porque, no meu caso, nos últimos anos tiven centos de momentos moi bos que seguro recordarei con moito cariño nos vindeiros anos.
—Quen é Kike Varela fóra dos escenarios ou das cabinas?
—Ía dicir un rapaz, pero xusto cumprín 30 anos e estou coa crise [ri]. Bromas á parte, son un rapaz bastante tranquilo, amigo dos meus amigos e que atopou na música a súa gran paixón. Gústame moito o deporte e gústame quedar cos meus amigos, tomar algo, estar coa miña familia... Unha vida bastante tranquiliña.