A firma de Chantada proba unha liña de catro novos produtos
20 mar 2026 . Actualizado a las 18:01 h.Airas Moniz vive un dos momentos máis emocionantes desde que arrancaran no 2011. Están traballando no desenvolvemento de varios produtos novos, pero tamén son testemuñas de como as visitas á súa queixería de Chantada non paran de medrar.
«Tiñamos unha demanda moi grande de nata e manteiga. Había que desnatar bastante e tiñamos que darlle saída ao produto desnatado porque non tiñamos a quen venderlle ese leite», explica Xesús Mazaira, fundador da firma xunto con Ricardo Gómez e Ana Vázquez. Así, cun bono de innovación da Xunta, empezaron a desenvolver esas novas fórmulas. «Estamos facendo pequenas reformas na queixería para sacar para adiante a nova liña, en plan piloto. Algo pequeno, para saber como se comporta o mercado». Fala do lanzamento do kéfir, iogur, nata e manteigas de sabores que poderían estar nas tendas sobre setembro. Todo isto, cando saben que deben producir algo máis de Savel, o seu multipremiado queixo azul.
«A esencia non a imos perder. A nosa filosofía vai ser a mesma», insiste sobre una queixería que non produce ao nivel da demanda que ten. Polo momento, xa probaron as novas propostas con tendas e restauración e prometen. «Imos producir algo máis, pero non de xeito desmedido».
Para Pepe Solla fan un queixo exclusivo chamado Melia, pero as colaboracións tamén se multiplicaron. «Son cantidades pequenas, dannos tempo para divertirnos e saír de facer o mesmo cada día. Son retos que nos sacan da zona de confort».
Agora, unha das grandes demandas de Airas Moniz é a manteiga. «É o noso produto estrela. Case tanto como Savel. O premio ao mellor leite do mundo, que era a primeira vez que se entregaba a un leite para facer queixo, marcou unha diferenza». Mazaira refírese ao recoñecemento nos World Cheese Awards (WCA), que se celebraron en Berna e puxo en valor a materia prima da súa cabana de vacas Jersey. «Temos un dos mellores leites que se están producindo a nivel mundial e iso fai que os cociñeiros teñan unha nata cunha cor totalmente distinta, unha textura, aroma e rendemento que non ten nada que ver co que se pode conseguir por aí», relata sobre esa complicidade que lles supón moita demanda e que queren atender na medida do posible. «Hai xente tamén de pastelería que quere facer cousas especiais e tamén a pide».
Mazaira confirma, polo tanto, que os premios nótanse e moito. «Posiciónanos non só en España, tamén fóra. Temos cociñeiros en Portugal ou Alemania que están dispostos a pagar por un produto de calidade. Estamos limitados pola nosa produción, así que seleccionamos ben con quen queremos traballar. O último premio é un salto cualitativo para vender a nata, pero tamén o queixo azul. Abriunos mercado en Nueva York, México ou Suiza. Estamos máis no mapa». Clientes aos que ademais lles interesa que hai detrás desa forma de producir o leite tras un traballo de máis de seis anos de recuperación de terras, de elección da raza das vacas e de moita formación. Mazaira foi funcionario durante 14 anos e Ricardo Gómez comandaba dunha explotación láctea tradicional. «Temos continuamente visitas de tendas especializadas, de restauradores, de queixeiros de outros países: Uruguay, Argentina, México, Estados Unidos... Todos os días recibimos a xente e iso tradúcese en demanda». Aínda que pouco o mencionan, ao propio Gordon Ramsay puxérono a facer queixo e manteiga.
O número de vacas vai medrando aparellado co negocio. «Está quedando terra abandonada por aquí e estamos tendo a posibilidade de alugala e de poñela a funcionar outra vez. Estamos nun territorio despoboado no que hai ganderías que están pechando. A nosa filosofía é traballar co noso leite, vacas e pastos e ter todo aquí no entorno da produción», remarca.
Produto estrela
Sen poder compararse, a manteiga estalle comendo terreo ao queixo Savel. «O que pasa é que este queixo azul é referencia mundial, sae para Países Baixos, Portugal, Francia, pero é certo que, sobre todo a manteiga, aumenta moito, xa se notou no último ano. En realidade vai máis en detrimento do outro queixo, que se chama Terra, que está moi ben, pero estamos nun momento de priorizar. A manteiga e a nata póñennos noutro sitio e van ser un valor en alza. Non chegarán aos números de Savel, porque non a podemos mandar lonxe pola data de consumo preferente, pero aquí en España funciona». Unha viaxe dun produto de Chantada cara o mundo que fai que este equipo de 12 persoas —sumarán dúas ou tres máis en breve— mire cada vez máis cara o internacional.
O seu volume de produción está en torno aos 25.000 quilos do queixo Savel ao ano. Uns 7.000 de Terra e esperan trunfar coa manteiga da que o ano pasaron fixeron 4.000 quilos. «Traballamos coas conservas Los Peperetes e a ventresca de bonito con manteiga ten moita demanda en Reino Unido e Australia. Temos que fabricar para eles coma tolos. Mandámoslle uns 100 quilos á semana, pero necesitan máis. Outro dos motivos para desnatar máis», sentencia Xesús Mazaira.