Un baño compartido pero tamén unha pereira coa que se enchía un camión

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA

CHANTADA

Xosé Lois González «O Carrabouxo» viviu nesta casa do lugar da Portada
Xosé Lois González «O Carrabouxo» viviu nesta casa do lugar da Portada ROI FERNÁNDEZ

O debuxante creador do Carrabouxo residiu de neno en Chantada porque seu pai traballou na construción de Belesar

31 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non se sorprendeu algunha vez ao atopar, visitando unha vila ou cidade allea, unha placa na fachada dun dos seus edificios que rece «Aquí viviu…» atribuído a algún ilustre ou coñecido persoeiro. Pois ben, Chantada tamén posúe vivendas, algunhas moi antigas, nas que naceron ou pasaron etapas da súa vida mulleres e homes relevantes. Actualmente, neste frenesí de xentes con mochilas e planos de rueiro nas mans, cousa novidosa polas rúas da nosa vila e por moitas aldeas do concello, o viaxeiro demanda e agradece información. Tamén sobre este tipo de cousas.

O protagonista da primeira entrega desta serie é Xosé Lois González Vázquez, «O Carrabouxo». Nove anos viviu en Chantada o célebre debuxante creador do retranqueiro personaxe O Carrabouxo, habitou en dúas casas na mesma parroquia de San Salvador de Asma, no lugar de Quintela. Nunha que está ao pé da vella N-540, solitaria daquela, e na Casa do Mariano no lugar da Portada.

A súa memoria aínda garda o atallo do polvorín debaixo da curva do Cuqueira para baixar á vila dende Quintela e cruzar o Asma pola Alameda. Ou a outra baixada pola estrada para cruzar o río pola Ponte Nova. Da casa do Mariano lembra a parra de uvas brancas e que a familia de Xosé Lois habitaba o segundo andar e acórdase tamén do cuarto de baño común cos veciños do piso de abaixo, onde vivía o tal Mariano, propietario da casa; e da casa de Quintela, un faiado cheo de gatos e unha grande e xenerosa pereira que na colleita enchía un pequeno camión.

Un futuro directivo de Fenosa

Ademais nestas lembranzas e outras que conta este enxeñeiro de telecomunicacións e debuxante, está a da súa grande amizade daquela con Luis Díaz, quen anos despois desempeñaría un cargo de grande relevancia na dirección de Fenosa e Gas natural. «Aínda que —apunta— sempre iamos á academia de don Modesto pelexando polo camiño».

Esa Academia de Modesto Álvarez é o lugar onde asegura que comezou a debuxar. E non por clase de debuxo, senón máis ben por evadirse da atención ao mestre, que máis dunha vez reprendeu a «González».

O que recorda e cualifica como un choque cultural foi ver beber na fonte do lugar da Portada, en San Salvador de Asma, a cantidade de vacas e os cabalos que tiraban das carruaxes do leite: «Eu viña do Ribeiro e alí non se vía tanto gando. Na miña casa había un hórreo e adega, e dicir, millo e viñedo. Como moito había unha vaca nunha casa, a vaca de Castelao».

Xosé Lois González, chegou a Chantada como moitas outras familias, da man do traballo do seu pai na obra do encoro de Belesar, que traballou de listero nunha empresa contratada por Fenosa cuxa oficina estaba na parte de arriba do Bar Cepa. Era alí, lembra o debuxante, onde observaba detrás do seu pai como este facía a entrega dos cartos aos traballadores e non eran poucas as veces que o mozo recibía deles unha propina.

Os últimos anos de residente en Chantada pasounos a cabalo entre Zamora, Madrid e Alcalá de Henares, para formarse como estudante e enxeñeiro de telecomunicacións.