A riqueza e variedade dos nomes de lugar supera a imaxinación de calquera relato foráneo de Halloween, tamén no concello de Chantada
03 nov 2024 . Actualizado a las 17:44 h.Estes son tempos de engalanar escaparates con morcegos e arañas de cartón, teas de araña sintéticas, cabazas con luz ,black fridays, e rapazada disfrazada de cousas que nunca nos deron medo. Días nos que outrora a mocidade desfrutaba do magosto no monte e nos que cómpre repensar o cambio cultural que estamos a experimentar, sen obviar a influencia da literatura de J. K. Rowling, Washington Irving e J. R. R. Tolkien, entre outros. Unha influencia cultural que a través das letras e do cine fraguouse na mente de pequenos e maiores, e desprazou a parte do noso acervo toponímico relacionado co mundo do misterio, do ocultismo, da morte e das tebras. Mais imos rescatalo agora a modo de texto de mapa do tesouro.
«Entre a Fonte das Meigas e a Cruz do Esconxuro, no punto equidistante trazando unha liña no mapa, está unha capela dende a que partirás cara o norte ata a paraxe do Mouro Morto nos confíns de Taboada, a un día de camiño. Alí has preguntar pola meiga Fentala, que che vai revelar o desconxuro da Fonte da Brotiña do Ouro, un manancial que atoparás onde se xuntan e separan Castro, Milleirós e Vilaúxe. Para chegar ata ela haberás gastar outra xornada navegando polo Miño. Pecharás os ollos ao atravesar O Inferno de San Fiz, velaraste das xacias de Felón de Chouzán, farás desembarco onde morre o río Fondós para remontalo a pé e apartar cara o monte da Vaca Morta, a tiro de bala do Penedo das Mentiras, onde está o marco furado. Despois has camiñar legua e media cando estea o solpor na Lobagueira até coroar o alto da Difunta; pasando antes cos ollos pechados por diante da Cruz do Desconxuro non lonxe da Eirexe de Vilaúxe. Alí agardarás, se fose preciso, á lúa nova para partir e camiñar toda a noite e chegar ao mencer á Matanza. De volta polo río Comezo até o río Asma, na vila de Chantada petarás sete veces na porta Muíño do Esquelete e alí, na primeira moxega, collerás seis puñados de grao para botalos sobre o Agro das Verrugas de Derramán, no Rabo de Gato en Sabadelle, nas Penas Sarnosas e o Agro da Serpe na Laxe, no Agro dos Sepulcros de Fornas, no Campo do Magosto en San Miguel do Monte e na Cova do Lobo de Agrexán. Entón e só entón é cando vai aparecer o tesouro diante de quen percorra deste xeito as paraxes e lugares que predica este mapa».
De memoria
Ben seguro que a alguén halle vir á memoria outros máis nomes relacionados con este asunto do máis alá e a fantasía do tenebroso. É normal debido á citada riqueza de nomes de lugar do país. Esta escolma foi recollida simplemente a medida que a memoria ía chegando mentres se ía escribindo.
Riqueza toponímica e riqueza cultural, dos mortos e dos vivos, pero nun espazo xeográfico moi pequeno, o do país da terra fértil que fixo vivir moi xunta a moita xente.
Como se vén dicindo agora; Rowling, Irwing, Tolkien, non vos pido que a superedes, só igualádema.