Manuel Varela, candidato do PP en Chantada: «Competimos con cinco que só queren acabar coa maioría absoluta do PP»

Carlos Cortés
Carlos Cortés CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Manuel Varela suma 23 anos como alcalde de Chantada
Manuel Varela suma 23 anos como alcalde de Chantada CEDIDA

O actual alcalde admite que o Concello ten que lograr asentar poboación nova

22 may 2023 . Actualizado a las 11:46 h.

Manuel Varela (Chantada, 1951) preséntase á reelección como alcalde de Chantada polo Partido Popular. Diplomado en ciencias sociais, traballou como axente de seguros, pero suma 24 anos como alcalde de Chantada, en dúas etapas distintas, a primeira entre 1996 e o 2007 e a segunda desde o 2011 ata hoxe. Os últimos catro anos ocupou ademais un escano no Senado. Se gaña será o seu sétimo mandato como alcalde.

—Vostede estreouse como alcalde en 1996. Pasaron 27 anos. A Chantada de hoxe non é a mesma que aquela.

—Entendo que é moito mellor, En 1996, Chantada estaba de costas ao río Asma e agora temos un paseo fluvial que é a envexa de todos os que nos visitan. E ao final dese paso está a área recreativa e deportiva do Sangoñedo, cun campo de fútbol extraordinario e cunha área recreativa con xogos, unha tirolina... e unha praia fluvial que pretendemos ampliar. E na zona antiga de Chantada nos anos 90 estaban caendo as casas, pero despois de comezar no 2003 coa área de rehabilitación de Chantada, esa zona está cunha situación moito mellor, aínda que queden unhas poucas casas pendentes de mellorar. Como a rúa Leonardo Rodríguez, que agora é peonil. Ou a praza Santa Ana, agora remodelada e á que aínda lle imos dar unha volta, porque a calzada central non aguanta ben o paso dos coches.. E está transformado tamén o medio rural, onde xa o 65% das estradas municipais teñen aglomerado asfáltico.

—Efectivamente, Chantada pode presumir dun dos cascos vellos mellor conservados da Ribeira Sacra, pero esa zona ten pouca actividade. Pode facer algo o Concello para devolverlle vida a esa parte da vila?

—Aí debería haber unha zona comercial extraordinaria. Sabemos que na asociación local de empresrios hai interese e estamos estudando de que maneira facelo, pero é certo que algo temos que facer.

—Aproveita ben Chantada o tirón turístico da Ribeira Sacra?

—Estase no bo camiño, pero é evidente que hai que seguir insistindo niso. Desde o Concello, ampliamos horarios na oficina de turismo, e tratamos de ter o camiño de inverno no mellor estado posible. E en Chantada xa tres albergues, pero é certo que pode ser que a nivel de iniciativa privada a infraestrutura de restauración e aloxamento non sexa suficiente para a cantidade de xente que nos visita.

—Como lle gustaría ver Chantada de dentro de, poñamos, 10 anos?

—Prefiro falar da Chantada que quero para dentro de catro anos, porque neste próximo mandato pretendemos asentar empresas tanto no polígono como dentro do casco urbano de Chantada. Estamos a traballar cun grupo empresarial importante [refírese a Hotusa] para desenvolver un proxecto que inclúe o desenvolvemento urbanístico dunha zona da vila, con espazo para oficinas desta empresa, pero tamén un establecemento hoteleiro e terreo dotacional de uso público. E penso que ese proxecto vai por bo camiño. E estamos traballando tamén na ampliación do polígono industrial dos Acivros, que nos gustaría facer tan perto da estrada N-540 como sexa posible, para que sexa un escaparate da actividade empresarial que hai en Chantada. E se podemos ir a esta ampliación é grazas a un investimento forte feito na nova liña eléctrica para o polígono. Con máis empresas será máis doado asentar poboación, porque está claro necesitamos asentar poboación, sobre todo de xente nova.

—Se gaña, porase ás portas de facer case 30 anos como alcalde de Chantada.

—O que está claro é que competimos con cinco candidaturas máis que o único que queren é acabar coa maioría absoluta do PP. Como se iso supuxese xa en si mesmo un beneficio inmediato para Chantada. Non sei cal sería ese beneficio.