Mariano López Nieves (PSOE de Chantada): «Temos claro que o cambio serio e responsable ten que vir con nós»

CHANTADA

Mariano López Nieves preséntase por primeira vez como candidato a alcalde
Mariano López Nieves preséntase por primeira vez como candidato a alcalde ROI FERNANDEZ

López Nieves apela ao modelo das case 30 alcaldías socialistas da provincia

20 may 2023 . Actualizado a las 17:32 h.

Aínda que xa formou parte anteriormente da candidatura do PSOE, Mariano López Nieves (O Saviñao, 1965, e residente en Chantada desde hai moito tempo) encabeza por primeira vez a lista electoral deste partido. Cunha longa traxectoria en Unións Agrarias, o candidato socialista á alcaldía é actualmente o secretario xeral comarcal desta organización sindical. En caso de gañar as eleccións, comprométese a non estar máis de dous mandatos á fronte do Concello.

—Como encara a súa candidatura esta cita electoral?

—Pensamos que despois de moitos anos de goberno do PP está acabando unha época e que ten que haber un cambio á fronte do Concello. No PSOE temos claro que o cambio serio e responsable que necesita este municipio ten que vir con nós. Creo que despois destas eleccións Chantada sumarase aos concellos lucenses gobernados polo PSOE. Na provincia hai case 30 alcaldías socialistas e todas elas son referentes na provincia.

—En caso de gañar as eleccións, cales son as actuacións que considera máis urxentes?

—Como veciño de Chantada levo anos escoitando as demandas dos veciños e veciñas, e agora máis. O que hai que facer ao chegar ao goberno é pór a funcionar de forma óptima o Concello para que sirva para o que é: fonte de solucións e non de problemas. Iremos tentando solucionar cada un dos problemas que nos trasladan. A ampliación do polígono, esencial para fixar empresas e polo tanto poboación activa, é un deles.

—Que propón para o sector agrogandeiro, que é a súa especialidade?

—Sabemos moi ben cales son as competencias municipais neste terreo e o que se pode facer desde o Concello no seu favor. Unha medida básica consiste en reducir ao mínimo o IBI e as licenzas municipais para as explotacións agrícolas e gandeiras. Temos unha das cooperativas máis importantes de Galicia e queremos darlle todas as facilidades para que siga xerando emprego e riqueza no municipio. Pero tamén hai moito que facer para mellorar as infraestruturas no rural. Non se pode pedir a un gandeiro que manexe certificacións dixitais mentres ten que soportar unhas estradas e pistas nun estado tan lamentable como as deste municipio. Nas últimas semanas estiveron arranxando os viais de forma acelerada, pero a nosa impresión é que estes traballos non se fan con criterios obxectivos, senón que se premia e se castiga segundo a quen. Nós pretendemos gobernar da mesma maneira para todos. Queremos tamén prestar unha atención moi especial á viticultura e conseguir que a ITV agrícola veña ao municipio con máis frecuencia.

—Que pretende facer no terreo do turismo?

—É necesario potenciar ao máximo a oficina municipal de turismo e sinalizar adecuadamente todos os lugares que poidan ser un foco de atracción de visitantes. Tamén hai que prestar moita máis atención á promoción do Camiño de Inverno. Nas conversas que mantivemos co sector de hostalería acordamos que hai que traballar moito para reforzar a marca Chantada. Cómpre unha clara aposta polo enoturismo, o Camiño de Inverno ou a dinamización da praza de abastos, que podería ser un lugar de degustación dos produtos locais tan recoñecidos como os queixos, os viños, produtos derivados da castaña… e converterse nun lugar de visita obrigada, mentres que agora está practicamente abandonado.

—E en materia de atención social e actividades deportivas?

—Nese aspecto, se chegamos a gobernar, estudaremos como mellor o servizo de axuda no fogar e potenciaremos as actividades dirixidas aos veciños das parroquias. En atención social, facemos ademais unha clara aposta pola atención temperá e o reforzo do CIM O centro de saúde non é competencia de Concello, pero pensamos reclamar ao Sergas que mellore o seu funcionamento, porque non é de recibo que cada pouco tempo teñamos problemas a causa da xestión política deste servizo. Por outro lado, pretendemos potenciar o deporte base e manter as escolas deportivas municipais. O Concello pode pór moito máis de si para que servizos públicos tan importantes como os sociosanitarios, non só funcionen, se non que funcionen do mellor xeito posible. Con nós no goberno terán a man tendida para todo o que poidan precisar

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.