Manuel Moure (BNG de Chantada): «Estou convencido de que esta vez o PP vai perder a maioría»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Manuel Moure é responsable do BNG de Chantada desde o 2021
Manuel Moure é responsable do BNG de Chantada desde o 2021 CEDIDA

Moure aposta por un goberno municipal conxunto de forzas de esquerda

17 may 2023 . Actualizado a las 10:59 h.

Manuel Moure Montes, gandeiro de 43 anos de idade, encabeza a lista electoral do BNG en Chantada. No 2021 foi elixido responsable local da formación nacionalista e anteriormente estivo á fronte da sección chantadina de Galiza Nova. Esta é a primeira vez que Moure se presenta como candidato á alcaldía.

—Como encara esta convocatoria, tendo en conta que o BNG leva dous mandatos sen representación na corporación e que nestas eleccións compiten seis listas?

—É unha situación un pouco nova, pero estou seguro de que esta vez imos entrar de novo na corporación. Tamén estou convencido de que o Partido Popular vai perder a maioría.

—Por que ten esa convicción?

—É a percepción que teño do contacto cos veciños. A situación actual é moi diferente da que había hai catro ou oito anos, cando a maioría da xente estaba segura de que o PP gañaría as eleccións e conservaría a maioría. Agora nótase moito descontento, a xente xa non ve as cousas da mesma maneira que nas anteriores eleccións e por iso teño o convencemento de que o PP non conseguirá repetir a maioría.

—Que cre que sucederá despois das eleccións?

—Teño a esperanza que as tres formacións de esquerda que nos presentamos ás eleccións consigamos formar un goberno conxunto. Para que iso suceda, por suposto, haberá que facer negociacións e as tres forzas políticas teremos que poñernos de acordo nas cousas que compartimos, e deixar un pouco de lado as que nos separan.

—Se as cousas suceden como espera, cales cre que son as medidas máis urxentes que deberá tomar o novo goberno municipal?

—Hai moitas cousas por facer, pero unha das cuestións máis urxentes é arranxar as pistas das localidades rurais, que se encontran nun estado que clama ao ceo. Hai que arranxar polo menos o 90%. Debido a ese mal estado, hai explotacións gandeiras ás que non se acercan os camións para recoller o leite ou para levar pensos. Creo que tamén hai que solicitar con urxencia unha nova depuradora e conseguir que o servizo de axuda a domicilio volva ser de titularidade municipal, e que funcione mellor do que o fai na actualidade. Outra medida que considero importante é aplicar unha especie de discriminación positiva nas axudas ás entidades deportivas e musicais do municipio, favorecendo ás que traballan o deporte base e que se ocupan dos rapaces.

—Ten propostas específicas para o sector gandeiro, tan importante no municipio?

—Nese aspecto, pensamos que é moi necesario rebaixar o IBI ás explotacións gandeiras. O Concello non ten competencia en cousas como os prezos do leite e da carne, pero pode axudar ao sector doutras maneiras. Hai concellos gobernados polo PP, polo PSOE e polo BNG que xa rebaixaron ata un 95% o IBI das explotacións gandeiras e iso tamén o pode facer o de Chantada. E ademais habería que aplicar rebaixas fiscais para que a xente se poida asentar nas localidades rurais e no casco antigo da capital municipal.

—Cal é a súa posición sobre o fomento do turismo?

—O turismo é unha fonte moi importante de riqueza que está crecendo na Ribeira Sacra e sen dúbida hai que apoialo, pero non de calquera xeito. Hai que tomar medidas para regulalo e impedir que se masifique. A masificación aínda non é moita na Ribeira Sacra, pero xa se está vendo en lugares como a praia da Cova, que hai días que parece Benidorm. É preciso regulalo, como se fixo na praia das Catedrais.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.