A historia recente de Chantada, vista a través das páxinas de La Voz

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

O escritor Xosé Miranda observa algunhas das páxinas de La Voz con imaxes e noticias de Chantada que se poden ver na exposición «Chantadeses en portada», no Espazo Xove
O escritor Xosé Miranda observa algunhas das páxinas de La Voz con imaxes e noticias de Chantada que se poden ver na exposición «Chantadeses en portada», no Espazo Xove ROI FERNÁNDEZ

Unha mostra preparada por Roi Fernández recupera imaxes e noticias publicadas desde principios deste século ata hoxe

05 abr 2023 . Actualizado a las 19:59 h.

A historia local de Chantada, tal como quedou reflectida nas páxinas de La Voz desde principios do presente século ata hoxe, é o eixo dunha exposición que poderá verse no Espazo Xove chantadino ata o 4 de maio. «Chantadeses en portada» —que é o título da mostra— está formada por materiais reunidos durante anos polo fotógrafo Roi Fernández. Todas as imaxes que aparecen nas páxinas recompiladas na exposición son obra súa. O título débese a que a gran maioría das planas —cerca de medio centenar— foron portadas principais deste diario ou do caderniño da edición local La Voz de Lemos.

A selección das páxinas e das imaxes, segundo explica Roi Fernández, fíxose coa intención de mostrar un panorama o máis variado posible da vida cotiá de Chantada ao longo destas décadas. «Hai un pouco de todo, noticias boas, noticias malas, actividades deportivas, visitas de políticos, romarías, tradicións artesanais..», comenta. Entre as portadas que tiveron unha maior repercusión fóra do municipio, o fotógrafo destaca as que se dedicaron ao promontorio de Castro Candaz nas ocasións en que a baixada das augas do encoro de Belesar deixou ao descuberto esta singular paraxe. Estas publicacións, engade, axudaron a atraer a Castro Candaz un gran número de visitantes de toda Galicia.

Cerdeiras florecidas

As fotografías de Roi Fernández publicadas en La Voz tamén contribuíron a divulgar unha singularidade paisaxística do municipio: a floración das numerosas cerdeiras que medran na ribeira do Miño, no entorno da localidade de Belesar e nas parroquias da Sariña, Líncora e Nogueira. As súas imaxes axudaron igualmente a dar a coñecer a romaría do Corpo Santo que se celebra na parroquia de Santa Cruz de Viana cada luns de Pascua. «É unha festividade tradicional da que non se falara antes en ningunha publicación que eu coñeza», apunta. Outra tradición local pouco difundida quedou recollida nunha portada publicada o 15 de outubro do pasado ano. Na fotografía aparecía Dosinda Novoa, viúva do artesán Antonio Lemos —finado no 2007—, mostrando as xerras de vimbio que fabricaba o seu marido na parroquia de Santiago da Riba.

A páxinas que figuran na exposición recollen tamén algunhas curiosidades agrícolas, como unha espectacular colleita de remolachas de ata oito quilos de peso que cultivou no outono do 2011 José Sánchez, un veciño de Vilaboa, na parroquia de Camporramiro. En decembro do ano seguinte produciuse un feito singular que tamén foi reflectido nunha portada. Na parroquia de San Xoán da Veiga intentouse desmontar un niño de cegoñas que estaba sobre o campanario da igrexa. A primeira tentativa fracasou, xa que a grúa con que os operarios municipais ían realizar a operación quedou atascada no barro dun prado. O niño de cegoñas non puido ser retirado ata un ano despois.

Na exposición hai unha única plana que non se publicou como portada do xornal ou da edición local. Apareceu o 29 de agosto do 2018 na última páxina deste caderniño e quen a protagoniza non é natural de Chantada, senón de Mondoñedo. Trátase de José Francisco Viñas, que a principios da década de 1960 traballou na construción da presa de Belesar. «Nunca vira unha cousa tan grande», dicía.